sábado, 30 de marzo de 2013

TEMA 14 (2ª BACH): a prosa entre 1936 e 1976. Os renovadores da prosa: Fole, Cunqueiro, Blanco-Amor e Neira Vilas. A prosa no exilio. A Nova Narrativa galega.


TEMA 14 (2ª BACH): a prosa entre 1936 e 1976. Os renovadores da prosa: Fole, Cunqueiro, Blanco-Amor e Neira Vilas. A prosa no exilio. A Nova Narrativa galega.

A prosa en galego (narrativa e ensaio) ocupa un segundo lugar con respecto á poesía: nace cando a poesía é xa un xénero afianzado e aceptado socialmente, interrómpese coa guerra civil e a posguerra e recupérase con dificultades na década dos 50.
As circunstancias políticas provocan que haxa dous focos creativos sen posibilidade de relacionarse entre si: Galicia e o exilio, especialmente Buenos Aires, onde, como dixemos, se concentraba un importante grupo de exiliados políticos moi activos culturalemente arredor da figura de Castelao.

Durante os anos 40 e 50 en Buenos Aires publícanse importantes obras de narrativa e ensaio en galego: A esmorga de Eduardo Blanco-Amor, Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas e Sempre en Galiza de Castelao. É unha literatura que non se ve constreñida pola censura e que pode abordar temas tabú como a homosexualidade, o abuso por parte das institucións de xustiza ( A esmorga ), a inxustiza social (Memorias dun neno labrego) ou a análise das políticas da II República e as circunstacias que levaron á Guerra Civil (Sempre en Galiza).

A narrativa galega en Galicia presenta características ben diferentes con respecto á narrativa do exilio. Nas primeiras obras que saen á luz despois da guerra evítase facer alusión á realidade devastada da posguerra e adóptase unha actitude evasiva que se concreta en diferentes estratexias:

·      Ricardo Carballo Calero publica en 1951 a súa novela Xente da Barreira na que aborda o tema da decadencia da fidalguía, que xa tratara Otero Pedrayo profusamente antes da guerra. A idea é retomar a tradición que se estaba consolidando na preguerra e proseguir o camiño finxindo que non pasara nada.

·      Anxel Fole é o seguinte narrador en publicar desde o seu discreto autoexilio nas montañas do Courel dúas obras, Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955), nas que se reprega na Galicia tradicional rural. Formalmente adopta unha extrema simplicidade dominada polos recursos das narracións orais populares: lingua coloquial con abundantes formas dialectais. Tematicamente aproveita tamén a tradición oral en contos que incorporan elementos fantásticos, de misterio e aventuras.

·      Álvaro Cunqueiro crea un mundo narrativo utópico mediante o afastamento no tempo e no espacio: o mundo mítico da materia de Bretaña en Merlín e familia (1955), a nostalxia polo Antigo Réxime dos personaxes que vagan pola Francia convulsa da revolución na carruaxe que transporta almas en pena en As crónicas do sochantre (1956) ou o mundo exótico das Mil e unha noites en Se o vello Simbad volvese ás illas(1961). Cunqueiro mistura elementos míticos e marabillosos de diferentes radicións narrativas con outros propios da cultura galega tradicional dun xeito que poderiamos definir como irónico e desmitificador: por exemplo, Merlín e dona Xenebra, totalmente desprovistos da maxestade e grandiosidade do mito, aparecen en Merlín e familia avellentados e retirados na casa herdada por Merlín dunhas tías solteiras. Alí o famoso mago consulta como un curandeiro tradicional, misturando remedios caseiros e maxia, aos estraños presonaxes que chegan de terras remotas.
Na triloxía de semblanzas populares: Escola de menciñeiros (1960),     Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979) Cunqueiro retoma os relatos orais protagonizados por personaxes arquetípicos do mundo galego rural nos que o humor é o centro do relato.



Os narradores galegos en Buenos Aires non pretenden afastarse da realidade, senón enfrontarse a ela desde unha posición crítica. Galicia segue a ser o referente espacial e humano:tanto a Galicia urbana da narrativa de Blanco-Amor como a miserable Galicia rural de Neira Vilas. É tamén interesante resaltar que é no exilio onde aparecen as primeiras narracións que teñen como tema central a experiencia da Guerra Civil cun forte compoñente autobiográfico: Non agardei por ninguén (Buenos Aires, 1957) de Ramón de Valenzuela, O silencio redimido (1976) de Silvio Santiago.

·      Blanco-Amor publica en Buenos Aires A esmorga (1959) unha obra que incorpora moitas das innovacións na estrutura narrativa do século XX.
o     Experimenta na narrativa galega novos tipos de discurso perfectamente adaptados aos personaxes e ás situacións: os personaxes falan como o que son e de acordo co contexto.
o     Introduce temas e ambientes inéditos (os baixos fondos dunha cidade frecuentados por personaxes do lumpen proletariado: prostitutas, delincuentes de pouca monta, desequilibrados).
As seguintes obras, a colección de relatos Os biosbardos (1962) e Xente ao lonxe (1972), foron publicadas en Galicia e teñen en común o protagonista infantil e o mundo urbano e proletario de Auria (Ourense).


Auria, a cidade das Burgas, universo narrativo de Blanco-Amor



·      Neira Vilas é un escritor autodidacta que comeza a súa carreira literaria en Buenos Aires, cidade a onde chegara como emigrante, con obras de ambiente rural e protagonista infantil-adolescente como Memorias dun neno labrego (1961), a colección de relatos Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo (1971). O mundo narrativo de Neira Vilas trata tamén o tema da experiencia da emigración dos galegos a América como en Historias de emigrantes e Remuíños en sombras, as dúas de 1973.

A Nova Narrativa galega
A etiqueta de “nova narrativa galega” púxoselle a unha serie de obras que, desde mediados dos 50 ata principios dos 70 (aproximadamente), comparten o desexo consciente de renovar totalmente a narrativa feita en galego. Esta renovación implicaria aspectos de estrutura narrativa: voz narrativa, tratamento do espazo e tempo, personaxes, así como tamén da temática e do discurso narrativo.
A Nova Narrativa incorpora a influenza nas artes dos grandes descubrimentos na ciencia, na filosofía e na psicoloxía do século XX (a teoría da relatividade de Einstein, o existencialismo de Heidegger, o funcionamento do inconsciente de Freud) xunto coa experiencia traumática das grandes guerras, da industrialización globalizada e o impacto da cultura de masas.
A renovación narrativa que levaran a cabo décadas antes escritores como Kafka, Joyce, Faulkner ou o movemento francés do Nouveau Roman serán fonte de inspiración dos escritores máis novos que inician a súa carreira nesta época.
Conscientes de que a literatura inspirada nunha visión nostálxica do mundo rural pertence definitivamente ao pasado, centran os seus mundos narrativos no mundo urbano. O espazo social predominante sitúase nas fronteiras da marxinalidade. Os personaxes, lonxe de ser heroes dignos de admiración son personaxes cunha identidade traumática e dispersa que non son capaces de interpretar dun xeito coherente o mundo que os rodea. Os personaxes da nova narrativa deambulan polo espazo narrativo sen un obxectivo claro: a súa existencia é absurda e o mundo que os rodea caótico e hostil. Eles mesmos a penas se diferencian dos obxectos que os rodean. O real e o irreal confúndense e a liña temporal clásica esnaquízase en anacos desconexos. A lectura esixe a colaboración do lector, aínda que axiña un se dacata de que non sempre se pode aspirar a crear orde no caos: despois de todo enfrontámonos a unha narrativa que intenta  precisamente transmitir a angustia e desorientación que a sociedade moderna, mediante sofisticados mecanismos de poder, crea no ser humano. Sintetizaremos, a continuación algunhas características e novidades desta narrativa:
  • Rexeitamento dunha trama argumental lóxica e do heroe clásico: no mundo moderno o individuo dilúese e xa non ten importancia.
  • Multiples voces narrativas: ruptura do suxeito único e integrado, seguro de si mesmo. O individuo non é xa unha unidadee coherente.
  • Mistúrase o real e o irreal, moitas veces a través dos soños ou de estados psicolóxicos alterados (ou patolóxicos) que facilitan a confusión.
  • Utilización narrativa do monólogo interior e a corrente de conciencia. Exploración dos camiños do inconsciente.
  • Perda da progresión temporal e, como consecuencia, perda da lóxica argumental.
  • Concepción obxectalista do ser humano: os personaxes vense sometidos a procesos de animalización que poñen en dúbida a súa humanidade e dimensión trascendente.
  • Gusto polos ambientes violentos: ruptura do tabú no tratamento do sexo, da morte e da enfermidade.
  • Preferencia polos ambientes urbanos.
  • Rexeitamento polo compromiso ideolóxico explícito.
  • Regreso á infancia.

Escritores e obras fundamentais da Nova Narrativa:

  • Xosé Luís Méndez Ferrín: Crea espazos narrativos onde se mistura a fantasía e a realidade e que poden funcionar como alegorías da realidade galega. Utilización de antropónimos e topónimos exóticos. É autor dunha importante obra entre a que imos destacar só os títulos que se adscriben á NNG: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964) e Retorno a Tagen Ata (1971).


 A araña ficou inmóbil, seducida. A barbantesa entón, lanzou os seus brazos, coma cables, e prendeuna, deixándoa inmóbil. Non houbo case loita. Despois, coa boquiña de pitís, devoroulle os ganglios cerebráse a araña ficou inerte. "Mantis religiosa" en Percival e outras historias (1958).



  • Camilo Gonsar: Lonxe de nós e dentro (1961), Como calquera outro día (1962), Cara a Times Square (1980).

  • Mª Xosé Queizán: a súa primeira novela, A orella no buraco (1965) encádrase perfectamente dentro do que se denominou obxectalismo: técnica narrativa que procura a neutralidade mediante unha narración como de cámara cinematográfica inmóbil que narra todo aquilo que recolle. O protagonista é un mendigo que deambula por unha gran cidade sen obxecto ningún.

  • Carlos Casares: dentro desta corrente publicou un libro de relatos Vento ferido (1967) e dúas novelas: Cambio en tres (1969) ( o protagonista é un emigrante que volve para o enterro dun amigo) e Xoguetes pra un tempo prohibido (pódese considerar unha novela de formación na que os protagonistas van experimentando vivencias que os levarán á perda das ilusións xuvenís e acabarán nun final tráxico, (1975). Casares experimenta con éxito a técnica narrativa do monólogo interior.

  • Xohana Torres: a súa única novela publicada Adiós María (1971) presenta a novidade dunha protagonista feminina que realiza unha profunda exploración do seu interior psíquico e unha aguda crítica da realidade social a partir do trauma da separación dos seus pais que teñen que buscar traballo na emigración e deixan á familia en precario.