martes, 22 de enero de 2013

TEMA 7 (1º BACH): SUBSTANTIVO E ADXECTIVO: XÉNERO E NÚMERO, O GRAO DO ADXECTIVO, AS CONXUNCIÓNS COMPARATIVAS

 
TEMA 7 (1º BACH): SUBSTANTIVO E ADXECTIVO: XÉNERO E NÚMERO, O GRAO DO ADXECTIVO, AS CONXUNCIÓNS COMPARATIVAS

Os substantivos e os adxectivos pertencen á mesma clase morfolóxica de palabras, os nomes, que se caracteriza por ter morfemas de xénero e número (no caso do substantivo son propias e no caso do adxectivo dependen da concordancia co substantivo ao que acompañan).
Semanticamente os substantivos denotan entidades (seres vivos, cousas inanimadas ou conceptos abstractos) mentres que os adxectivos fan referencia a cualidades dos substantivos.
A función do substantivo é a de núcleo da frase ou sintagma nominal e a do adxectivo de modificador do núcleo da frase nominal ou, dentro da oración, como atributo ou predicativo.

  1. Clasificación semántica dos substantivos

               concretos                  /           abstractos (esperanza, fermosura)

propios (Ferrol, María, Eume)       /    comúns (mesa, can, nena)

   incontables (auga, fariña)   /    contables (mazá, pedra, casa)

          individuais (soldado, abella)/colectivos (exército, enxame)


  1. Clasificación morfolóxica: o xénero e o número

O morfema de xénero indica unha oposición entre masculino e feminino que serve para distinguir os substantivos por certas características como sexo (coello/coella), tamaño (leiro/leira) ou feitura (coitelo/coitela).
Pero é moi frecuente que un substantivo pertenza a un xénero ou outro sen ningún tipo de motivación semántica (a casa). Pódense enunciar unha serie de regras prácticas:
a)     Os nomes das froitas son femininos na maior parte dos casos e, coincidindo con esta regra, tamén os nomes das árbores froiteiras correspondentes: a cereixa, a cerdeira, a mazá, a maceira, a laraxa, a laranxeira. Se o nome da froita é masculino, tamén o será o nome da árbore: o pexego, o pexegueiro, o limón, o limoeiro. A única excepción é: o figo, a figueira. O resto das árbores non froiteiras son maiormente de xénero masculino: o carballo, o loureiro, o piñeiro.
b)    Os substantivos que designan as letras do alfabeto son masculinos: o be, o ceta, o hache....
c)     Os nomes dos números son masculinos: o dez, o sete...
d)    Os nomes dos ríos, montes, cabos, océanos, mares e puntos cardinais son masculinos: o Sil, o Pacífico, o Norte, o Pedroso, o Prior.

En moitos substantivos que están adscritos a un ou outro xénero, a terminación pode servirnos de orientación, aínda que cómpre ter coidado coas numerosas excepcións:
a) En xeral a terminación –o correspóndese co masculino e –a co feminino. Excepcións: a líbido, o día, o mapa, o clima, o cometa, o problema.
b) Os que rematan en –e presentan máis problemas:
·      Son femininos os rematados en –axe: a paisaxe, a homenaxe, a friaxe, a quilometraxe, a vendaxe... agás o traxe, o paxe e o garaxe.
·      Son femininos os que rematan en –se e –ite: a crise, a análise, a parálise, a hepatite, a apendicite.
·      Son femininos os que rematan en –dade: a liberdade, a facultade, a verdade, a bondade.
·      Son masculinos os que rematan en –ote: o lote, o dote, o amorote.
·      Son masculinos os que rematan en –ume e -me: o fume, o lume, o estrume, o volume, o legume, o costume, o cume, o acedume, o queixume, o vagalume... o exame, o ligame, o nome, o rexime, o vexame, o verme...
·      Outros son simplemente inclasificables: o aceite, a árbore, a canle, a carne, o couce, o dente, a fame, a febre,a suor, o leite, a nube, a orde, o peixe, a ponte, a sebe, a sede, a ubre.

Hai algúns substantivos que, mantendo a oposición masculino/feminino, presentan a mesma forma e o xénero márcase a través do determinante que o acompañe: o atleta/a atleta, o herexe/a herexe, o suicida/a suicida, o camarada/a camarada, o artífice/a artífice, etc.
 Nos substantivos que presentan oposición maculino/feminino, o masculino é a forma non marcada e o feminino fórmase a partir dela das seguintes maneiras:
a)    Substantivos que na forma masculina  rematan en –o ou –e, perden a última letra e engaden –a: o fillo/a filla, o parente/a parenta, o infante/a infanta. Os xentilicios rematados en –ao fan o feminino en –a: o meirao/a meirá.
b)    Os substantivos que rematan en vogal tónica engaden a esta un –a: o avó/a avoa.
c)    Os substantivos que rematan en –s, -z, -l ou –r engaden –a: deus/deusa, francés/francesa, doutor/doutora, rapaz/rapaza.
d)    Os substantivos que rematan en –n teñen varias posibilidades:
bailarín/bailarina
ladrón/ladroa
alemán/alemá
americano/americana
lerchán/lerchana
      e) Os substantivos que forman o feminino mediante un morfema derivativo: galo/galiña, sacerdote/sacerdotisa, abade/abadesa/ heroe/heroína, rei/raíña, actor/actriz.

O número
A categoría de número indica a oposición entre o termo non marcado, o singular (indica unha especie ou individuo dunha especie) e o termo marcado, o plural (máis dun individuo da especie).
Algúns substantivos só se usan en plural: os lentes (distinto de a lente/as lentes), os cartos, os víveres, as cóxegas, as tebras, as entrañas, as nupcias, as exequias, os parabéns, as feces, as témporas, as vituallas, os matíns. En certos casos casos pode usarse o singular ou o plural indistintamente : a tesoira ou as tesoiras, o pantalón ou os pantalóns. Tamén se dá algún caso en que a utilización do singular ou do plural implica un cambio global de significado: o miolo (a parte branda e interior do pan) / os miolos (a masa encefálica dos animais).

O morfema de número presenta as seguintes variantes: -s, -es, -is ou –Ø:
a) Os substantivos que rematan en vogal forman o plural engadindo –s: silva/silvas, zulú/zulús, rei/reis.
b) Os substantivos que rematan en –n tamén forman o plural engadindo –s: can/cans, xamón/xamóns.
c) Os substantivos que rematan en –l presentan varias solucións:
·    Os monosílabos engaden –es: mol/moles, tul/tules, mel/meles, sol/soles, fol/foles. Esta regra aplícase tamén cando unha palabra monosílaba forma parte duha palabra composta: ollomoles, chuchameles, parasoles, cartafoles.
·    Os polisílabos non agudos engaden –es: cónsul/cónsules, réptil/réptiles, téxtil/téxtiles, fácil/fáciles, túnel/túneles.
·    As palabras polisílabas agudas forman o plural engadindo –is e modificando a base que perde o –l: animal/animais, papel/papeis, caracol/caracois. Os rematados en –il perden ademais o –i: funil/funís, garda civil/gardas civís.
·    Os substantivos que rematan nunha consoante distinta de –n ou –l fan o plural xeralmente engadindo –es: mar/mares, compás/compases, vez/veces.
·    En extranxeirismos e cultismos que rematan nunha consoante distinta das xa vistas engádese –s: club/clubs, album/albums, anorak/anoraks.
·    Algúns substantivos presentan sincretismo entre singular e plural, polo que o número indícase mediante os determinantes: o luns/os luns, o lapis/os lapis, o oasis/os oasis.


O plural de chuchamel é chuchameles



Como dixemos, o adxectivo é igual morfoloxicamente có substantivo (coa salvedade de que nel o xénero e o número non son inherentes, senón que están motivado polos do substantivo ao que acompaña)  e, polo tanto, segue as mesmas regras de formación de xénero e de número que acabamos de repasar. Porén o adxectivo ten unha característica morfolóxica que o diferencia do substantivo: o grao.
O grao do adxectivo permite expresar a intensidade da calidade que indica mediante dous procedementos morfolóxicos:
a) Sintético: consiste na aplicación de morfemas (prefixos ou sufixos) que se engaden ao lexema: super-divertido, divertid-ísimo, celeb-érrimo
b) Analítico: consiste en empregar unha estrutura sintáctica na que se integra o adxectivo con adverbios e preposicións ou conxuncións: A rapaza máis alta da clase, A rapaza é máis alta cás irmás.
Os graos do adxectivo son tres:
  • Positivo: o adxectivo aparece sen indicar a súa intensidade en ningún grao: vello
  • Comparativo: a calidade do adxectivo aparece comparada en relación con outros elementos: Manuel é máis/menos vello ca María, Manuel é tan vello coma o seu amigo.
  • Superlativo : indícase que a calidade do adxectivo presenta o seu máis alto grao.
    • Absoluto: Manuel é vellísimo
    • Relativo: Manuel é o máis vello dos que están aquí


As conxuncións utilizadas nas oracións e frases comparativas de inferioridade e superioridade son: ca, que e do que.
  • ca: obrigatoria cando a continuación vai un pronome persoal tónico e usual cando vai unha oración temporal, condicional ou de relativo:
Es máis alto ca min
Cando se foi parecía máis contento ca cando chegou
Este pantalón foi máis barato ca se o comprase hai un mes
Ten máis culpa quen o mandou ca quen o fixo
A conxunción ca contrae cos artigos determinantes:
Gústanme máis as mazás cás uvas
É menos rápido o meu coche có teu
  •  do que: obrigatoria cando a continuación vai un verbo:
Chove máis do que parecía
As conxuncións utilizadas nas oracións e frases comparativas de igualdade son coma e como e a súa distribución correspóndese ao xa explicado con respecto ás comparativas de superioridade e inferioridade: coma úsase con carácter obrigatorio nos mesmos casos que ca e como nos mesmos casos que do que. No resto dos casos o uso é opcional.

Polo significado que achegan os adxectivos poden ser:
  • Cualificativos: indican propiedades dos substantivos
    • Adxectivos explicativos: indican unha cualidade propia e permanente do substantivo: mar salgado, neve fría.
    • Adxectivos especificativos: indican unha cualidade que particulariza o individuo designado polo substantivo dentro dun abano de posibilidades: chaqueta verde, casa grande, can manso.
  • Relacionantes: Sinalan diferentes relacións cos substantivos a partir dos que se formaron (que teñen que ver coa obra ou actos dunha persoa, un oficio, unha activide):  oteriano (que ten que ver coa obra do escritor Otero Pedrayo), educacional (que ten que ver coa educación), medicinal (que ten que ver coa medicina).
  • Xentilicios: Sinalan a orixe xeográfica ou nacional dunha persoa ou produto: os queixos galegos, un músico cubano.

domingo, 20 de enero de 2013

TEMA 8 (2º BACH): LINGUAS MINORIZADAS E LINGUAS MINORITARIAS. O GALEGO: LINGUA EN VÍAS DE NORMALIZACIÓN

 
TEMA 8 (2º BACH): LINGUAS MINORIZADAS E LINGUAS MINORITARIAS. O GALEGO: LINGUA EN VÍAS DE NORMALIZACIÓN

  1. Linguas minorizadas e linguas minoritarias

Moitas veces tende a asociarse o feito de que unha lingua teña poucos falantes con que estea nunha posición de desavataxe no seo dunha sociedade. Isto non ten por que ser así: unha lingua pode ter moitos falantes, ou polo menos unha maioría de falantes nun territorio e, malia iso, ocupar unha situación de subalternidade e, ao revés, unha lingua pode ter poucos falantes pero gozar da estima dos seus falantes e unha plena extensión social e contextual no seu uso. Poñeremos dous exemplos: o quechua é unha lingua indíxena de sudamérica extendida por varios países e falada por uns 10 millóns de persoas, pero é, no seu propio territorio unha lingua B, subalterna en relación ao español e, polo tanto, minorizada; o danés ten menos falantes ca o quechua (uns 6 millóns), pero é a lingua oficial dun estado independente e é a lingua utilizada polos seus falantes para calquera acto comunicativo entre membros da súa comunidade, non podemos dicir que sexa unha lingua minorizada, aínda que se a comparamos con algunha das linguas máis extendidas como o chinés mandarín, o inglés ou o hindi, poderiamos dubidar se considerala unha lingua minoritaria.

Os adxectivos minorizado e minoritario non son sinónimos nin van necesariamente unidos cando se aplican ás linguas:

  • Lingua minoritaria é aquela que conta con poucos falantes. Pode ser a única falada nun territorio (por exemplo o islandés que falan unhas 400.000 persoas) ou pode convivir con outra ou outras (por exemplo o éuscaro).
  • Lingua minorizada é aquela, historicamente propia dun pobo, que por diversas circunstancias sofre no presente a competencia desigual doutra ou doutras linguas alleas que constitúen unha ameaza para a súa conservación. Trátase aquí non dunha cuestión de número de falantes, senón dunha cuestión de estatus: recoñecemento oficial, funcións que desempeña, presenza na vida pública, prestixio cultural e social, etc. A situación das linguas minorizadas non é homoxénea, depende de moitos factores, entre os que se poden destacar os seguintes:
      • A particular historia do territorio onde se fala esa lingua.
      • A política lingüística seguida polo estado en que se atopa: recoñecemento oficial, presenza no ensino, nos medios de comunicación, na administración e na Igrexa.
      • A existencia dun estado, polo xeral veciño, onde esa lingua teña carácter oficial e estea normalizada.
      • O carácter oral ou escrito e a existencia dunha normativa estándar que regule o seu uso.
      • O grao de conciencia lingüística por parte dos seus falantes e o nivel de reivindicación de que sexa obxecto.

Tendo en conta todos estes condicionantes poderiamos facer unha descrición diferente da situación actual de cada unha das linguas minorizadas do noso entorno máis próximo (galego, astur-leonés, éuscaro, aragonés, catalán, aranés...) e mesmo aventurar cales son as súas expectativas de evolución.
A primeira diferenza que salta á vista entre as linguas minorizadas do estado español é o grao de reivindicación por parte dos seus falantes e, consecuencia disto, o recoñecemento de co-oficialidade e os procesos de normalización de que son obxecto unhas e outras.
Cando os membros dunha comunidade lingüística minorizada (falantes dunha lingua B ou minorizada) teñen unha conciencia forte da importancia da súa lingua e manteñen a reivindicación dos seus dereitos lingüísticos é moi probable que logren políticas lingüísticas que favorezan a recuperación dos espazos funcionais cedidos baixo os efectos da minorización lingüística. É tamén probable que parte da sociedade instalada na lingua A, ou lingua hexemónica, non estean de acordo a ceder os espazos lingüísticos privilexiados (públicos, oficiais, escritos, formais, cultos) á lingua B e se opoñan activa ou pasivamente ás políticas de normalización lingüística. Os procesos de normalización lingüística van acompañados de tensión, porque, no fondo, supoñen un cambio moi chamativo na xerarquía social: a lingua da poboación historicamente dominada e expulsada dos ámbitos do poder que aspira a retomar as súas vellas posicións terá que librar moitas batallas, empezando pola do prestixio social, para asegurar o seu éxito no camiño da normalización e evitar a súa desaparición.

2. O galego: lingua en vías de normalización

O galego é a lingua propia de Galicia e ten un estatuto de co-oficialidade co castelán no territorio da comunidade autónoma de Galicia. Malia a imposición do castelán desde fins da Idade Media, o galego segue a ser a lingua habitual maioritaria en Galicia, aínda que cunha tendencia acusada á substitución polo castelán entre as xeracións máis novas e nas zonas urbanas. Para coñecer con detalle a situación do galego na actualidade podedes consultar a seguinte páxina:


O proceso de normalización lingüística do galego, é dicir, todas aquelas iniciativas particulares ou institucionais que teñen como obxectivo facer que a lingua galega recupere o seu prestixio e se utilice en todos os ámbitos, comeza nun sentido amplo no Rexurdimento do século XIX. Entre 1916 e 1936 este proceso experimenta unha expansión e aceleración que culminaría na aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936, o primeiro texto legal que lle recoñece ao galego un estatus de oficialidade. Este importate texto nunca chegou a ter efectividade por mor da Guerra Civil e a instauración do rexime dictatorial de Franco. Habería que esperar á transición democrática para reiniciar o proceso de normalización. En 1983, e de acordo co Estatuto de Autonomía de 1981, apróbase por unanimidade no Parlamento de Galicia a Lei de Normalización Lingüística que garante a utilización do galego na Administración pública e insta a elaboración de leis específicas que promovan o uso do galego no ensino, nos medios de comunicación e nas manifestacións culturais.
Nos trinta anos de vixencia deste marco lexislativo, o galego conseguiu avanzar de maneira notable na súa presenza na vida pública. Recuperouse o seu uso en ámbitos formais e cultos (na vida académica, política, nas relacións coa administración, na cultura, e non tanto nos medios de comunicación, na xudicatura ou na igrexa), pero non se conseguiu frear a tendencia desgaleguizadora entre a poboación máis nova nin o seu retroceso nos entornos urbanos.
O futuro está máis aberto que nunca e depende de todos nós.

lunes, 14 de enero de 2013

TEMA 7 (2º BACH): AS FUNCIÓNS SOCIAIS DA LINGUA. CONFLITO E DIGLOSIA. ESTEREOTIPOS E PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS: A SÚA REPERCUSIÓN NOS USOS


TEMA 7 (2º BACH): AS FUNCIÓNS SOCIAIS DA LINGUA. CONFLITO E DIGLOSIA. ESTEREOTIPOS E PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS: A SÚA REPERCUSIÓN NOS USOS

A lingua é un código de signos verbais que permite aos humanos comunicarse entre si. A comunicación verbal é un tipo de comunicación privilexiada que ofrece moitas vantaxes fronte a outros tipos de comunicación que se dan entre os animais e pódese dicir que é un factor básico na evolución da humanidade. Deste xeito, a lingua cumpre diferentes funcións sociais que teñen que ver co desenvolvemento de cada ser humano en particular para chegar a formar parte dalgunha das diferentes comunidades humanas, desde as máis elementais e cercanas (familia) ata as máis complexas e xerais (estado). Poderiamos exemplificar esta idea mediante a metáfora dunha cebola, formada por unha serie de capas concéntricas cada vez máis afastadas do núcleo que sería cada identidade individual.

Función de identidade: a lingua articula o noso pensamento e, polo tanto, a partir dunha determinada lingua construímos interiormente o mundo que nos rodea.
Función familiar: A familia é o primeiro paso da socialización. No entorno familiar os nenos e nenas aprenden a súa primeira lingua, que é a estrutura básica de todas as aprendizaxes posteriores. A lingua galega foi durante moito tempo a lingua familiar da maioría dos fogares galegos.
Función local: É a que cumpre a lingua que se emprega no entorno de veciñanza que rodea o ámbito familiar. En Galicia os últimos 50 anos supuxeron un cambio de domicilio para moitas familias, tanto pola emigración interior (abandono da aldea pola cidade ou vila) como pola emigración exterior (ao extranxeiro ou a outros puntos do estado), o cal supuxo que a lingua familiar e a lingua local xa non son a mesma.
Función laboral: Moitas veces o ámbito laboral impón uns hábitos lingüísticos diferentes aos imperantes no ámbito familiar ou local. Ata hai pouco, nos traballos que supuxesen un trato co público impoñíase o castelán
Función institucional: Ata a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística de 1983, en Galicia as funcións institucionais (que teñen que ver con todos aqueles organismos dependentes das administracións do estado) correspondían exclusivamente ao castelán. Aínda hoxe en día, en determinados ámbitos como o xudicial adoita haber atrancos para o uso do galego, como se puido ver recentemente no xuízo do Prestige.
Función cultural: Cando unha lingua ten prestixio é porque a comunidade que o fala tamén o ten debido a factores económicos, políticos e culturais positivos. Nestas circunstancias, desexará ser aprendido por persoas alófonas (falantes doutras linguas), ben para falalo ou ben para utilizalo nas súas creacións artísticas. Nestas circunstancias estivo o galego no século XIII. Na nosa época a lingua con máis prestixio é o inglés.


Contacto de linguas
É moi frecuente que nunha sociedade convivan diferentes linguas debido a un conxunto de motivos variados: a colonización, a inmigración, o turismo... O castelán, o portugués, o inglés ou o francés impuxéronse en moitos territorios en todo o mundo como resultado da expansión colonial e imperialista que se levou a cabo desde finais do século XV; calquera das grandes metrópoles do mundo acolle a grupos étnicos moi diversos que, en grande medida, conservan a súa lingua e cultura nun medio totalmente alleo. O mundo segue a ser diverso e, malia a globalización, as diferentes culturas chegaron a adoptar recursos para manter os seus trazos mesmo moi lonxe do seu territorio orixinal.
Neste contexto de convivencia de diferentes linguas, cada unha delas tende a asumir funcións de acordo coa importancia que teña o grupo humano que a fala dentro da sociedade. Por exemplo, en Estados Unidos o español é unha lingua falada por millóns de persoas, pero en ningún caso é usada nos mesmos ámbitos nin ao mesmo nivel có inglés (a lingua das clases dominantes e o vehículo de expresión dunha cultura de gran prestixio e influencia internacional).
Tendo en conta o anterior, seranos moi útil o termo diglosia. A primeira utilización de diglosia corresponde ao lingüista Ferguson, quen a definiu como o reparto de funcións e usos que se fai entre as variantes dunha lingua: as variantes altas (A) utilizaríanse en situacións formais considerados importantes e as variantes baixas (B) en situacións informais e orais. Fishman ampliou as acepcións do termo utilizándoo tamén para o reparto de funcións e usos entre linguas diferentes (xa non só entre variantes da mesma lingua). Dentro desta nova definición de diglosia cabería considerar o caso galego desde finais da Idade Media: a lingua alta (A), o castelán, era a lingua das clases dominantes, dos contextos formais e públicos, a lingua escrita que se ensinaba na escola e a que tiña o prestixio social; a lingua baixa (B) era o galego, durante séculos reducida a lingua oral e de uso entre a poboación máis desfavorecida económica e culturalmente, con escaso ou nulo nivel de escolarización e predominantemente rural. O seu uso espontáneo na escola era severamente castigado e ridiculizado, producindo nos nenos complexo de inferioridade e vergonza.


 A situación de convivencia desigual entre dúas (ou máis) linguas pode ser estable, e de feito parece ser que o foi en Galicia durante varios séculos, pero desde o momento en que os falantes da lingua B intentan cambiar o estatus da súa lingua e loitan porque esta teña visibilidade social e uso en contextos que estaban reservados unicamente á lingua A xorde un conflito de intereses: un conflito lingüístico. Trátase dunha disputa polos espazos sociais prestixiados, pero non só iso. Trátase tamén do cuestionamente duns valores prevalentes durante un tempo na sociedade. A lingua é unha das características identitarias asociadas aos grupos humanos e a súa reivindicación é unha mostra dos esforzos dese grupo humano por saír da marxinalidade e acadar igualdade e recoñecemento social. Esta situación de inestabilidade propia de todo conflito pode resolverse mediante un complicado proceso de normalización lingüística. A normalización lingüística implica a posta en marcha dunha serie de medidas políticas e sociais que procuren que a lingua B dunha sociedade adquira un estatuto de normalidade. Deste xeito, a Lei de Normalización Lingüística de 1983 declara que o galego é a lingua propia de Galicia e que será obxecto de especial protección por parte do goberno autónomo, ao mesmo que asegura a súa introdución no sistema educativo, na administración autonómica e local de Galicia,  nos medios de comunicación e na xudicatura. A lexislación protectora é un paso moi importante, pero non o único necesario para levar a cabo unha normalización eficaz dunha lingua que estivo durante moito tempo marxinada do ámbito público e dos usos formais. É necesario tamén un importante labor de educación e concienciación  social que axude a superar os prexuízos e estereotipos negativos que sempre van asociados ás linguas B.


Os prexuízos son xuízos de valor negativos que non poden ser demostrados racionalmente. Os prexuízos caen plenamente dentro do escuro mundo do medo, dos desprezo e da violencia latente que tende a manter aos grupos humanos na súa posición tradicional (dominadores e dominados). Así, non hai maneira racional de demostrar que unha lingua sexa máis bruta ou máis fina ca outra, pero iso non quere dicir que non sexa un prexuízo universalmente estendido moi difícil de erradicar. Non é necesario que busquemos exemplos moi lonxe de nós: o galego a certas persoas en Galicia sóalles mal e, polo contrario, o castelán sóalles moi ben. Porén este “gusto lingüístico” tan especial como pouco razonable é o resultado dunha constante construción cultural que comezou arredor do século XVII.
A continua influencia de prexuízos dá lugar á creación de estereotipos acerca dunha lingua e dos seus falantes. Aos vellos estereotipos da rudeza, ruralidade, pobreza e falta de educación dos falantes de galego engádense novos estereotipos que os asocian ao redicalismo político nacionalista. O falante de galego, e non digamos aqueles que sempre falan galego, preséntase como alguén afastado da normalidade, ou ben porque polas súas precarias condicións sociais está por debaixo, ou ben porque pasou da raia e tende a unha especie de extremismo cultural e político. Como é evidente, ninguén conscientemente desexa ser sinalado como becho raro e sexa cal sexa o seu grao de coñecemento, afecto e familiaridade coa lingua galega, intetará modular o seu comportamento lingüístico ao contexto social en que se vexa obrigado a interactuar.


lunes, 7 de enero de 2013

TEMA 6: AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA


TEMA 6 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA (II)
A POESÍA RELIXIOSA LÍRICA E NARRATIVA: AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA

 Alfonso X e o equipo de poetas e músicos encargados da redacción das Cantigas de Santa María

As Cantigas de Santa María son unha colección de 427 composicións narrativas e de loor (líricas) dedicadas a enxalzar á Virxe María. Foron feitas ao longo de varias décadas do século XIII por un equipo de trobadores e artistas plásticos que traballaba ás ordes do rei Alfonso X, o Sabio.

As cantigas narrativas teñen un propósito exemplarizante, mostrando como os humanos sempre poden confiar na axuda da Virxe María por moi grande que sexa o problema que os ameaza. A Virxe móstrasenos como unha nai comprensiva disposta a perdoar os pecados e como unha intermediaria eficaz entre os humanos e Deus.
As cantigas de loor son unha especie de cantigas de amor “ao divino” nas que o papel da dama perfecta á que o poeta admira e promete servir corresponde á Virxe María.

 O Códice Rico do Escorial

A estrutura dos códices que conteñen as Cantigas de Santa María é fixa: cada 10 cantigas unha, a décima, é de loor. Consérvanse catro códices da época, algúns conteñen a letra e música das cantigas e outros, ademais, engaden miniaturas narrativas de extraordinaria beleza: o Códice da Biblioteca Nacional de Madrid (128 cantigas con notación musical), o Códice E conservado na Biblioteca do Escorial (417 cantigas), o Cotice T, ou Códice rico, (193 cantigas con notación musical e moitas miniaturas), Códice da Biblioteca Nacional de Florencia (104 cantigas con miniaturas).
No seguinte link: http://cantigas.webcindario.com/index.htm atoparás unha selección de cantigas coas miniaturas e as músicas orixinais, ademais de información acerca do labor cultural do rei Afonso X

As Cantigas de Santa María son parte dunha corrente literaria relixiosa que promociona o culto á Virxe dentro dunha tradición relixiosa, a xudeo-cristiá, monoteísta e patriarcal, incorporando así en certa medida os vellos cultos ás deusas de moitas relixións pagáns. En Europa estaban de moda as coleccións de milagres marianos que o equipo redactor das Cantigas de Santa María no dubida en adaptar. A estes milagres en latín e fracés, engádense milagres da tradición oral ibérica e mesmo milagres baseados na propia vida do rei Alfonso X. O rei quixo facer unha obra colosal e por esta razón mantivo a colección aberrta a novas incorporacións e melloras artísticas durante boa parte da súa vida.

Outra das características máis destacables da obra é a súa riqueza métrica e estilística. Nela, ademais dos esquemas métricos presentes na tradición poética europea, incorpora esquemas propios da poesía árabe-andalusí como o zéxel, con diversas variacións, que será a estrofa básica das cantigas narrativas: AA(refrán) bbb(mudanza) a(volta)  AA(refrán), etc... No refrán atópase a razón (ou argumento) onde se divulga o culto á Virxe constituíndo unha especie de pílula ideolóxica. Nos versos da mudanza e volta vaise desenvolvendo ao longo das sucesivas estrofas o exemplo, é dicir, a anécdota concreta onde se demostra que o adiantado na razón se cumpre. Comeza presentando un personaxe nun marco espazo-temporal cun conflito que semella insalvable pero que, despois da fervorosa petición á Virxe e da intervención desta a través dun milagre, acaba resolvéndose felizmente. Todas as cantigas rematan cunha loanza á Virxe a modo de conclusión.


A farmacia do xudeu

 
A lectura das cantigas narrativas ofrece un retrato fresco e variadísimo da sociedade medieval ibérica, tanto literario (a letra das cantigas) como iconográfico (as miniaturas que as acompañan), pois nelas aparecen diversas clases sociais, persoas de diferentes xéneros, oficios, idades e circunstancias.

As Cantigas de Santa María son un dos cumes da literatura medieval occidental e a súa existencia demostra ata que punto a lingua galega era, no tempo en que foron escritas, unha lingua de enorme prestixio cultural e dotada dunha gran capacidade estilística para todo tipo literatura.

domingo, 6 de enero de 2013

CONTINUACIÓN DO TEMA 6 (2º BACH)

 
CONTINUACIÓN DO TEMA 6 (2º BACH):
A PROSA E O TEATRO NA XERACIÓN DO 25: A OBRA EN GALEGO DE RAFAEL DIESTE

Aínda que a maior parte da produción literaria desta xeración antes da guerra foi no xénero poético, a produción de prosa narrativa e teatro é tamén moi interesante e, como no caso da poesía, pódese aprezar, por unha parte a superación definitiva do costumismo (aínda presente na xeración Antre dous séculos) e o intento de actualización seguindo criterios artísticos modernos.

Os terribles acontecementos históricos marcaron a vida desta xeración, truncando violentamente a actividade cultural e o proceso creativo desenvolvido ata 1936. Deste xeito o único narrador desta xeración que estudaremos será Rafael Dieste. Outros narradores (ademais de poetas) desta xeración, como Álvaro Cunqueiro ou Ricardo Carballo Calero, non retomarán a creación literaria en galego ata a década dos 50. No caso de Eduardo Blanco-Amor, asentado en Buenos Aires desde había anos, a guerra e o establecemento da ditadura imposibilitou as fecundas relacións culturais que mantiña coa intelectualidade galega e española antes da guerra e que deran como froito o achegamento de García Lorca á poesía galega e mesmo a publicación dos seus famosos Seis poemas galegos.

A prosa


Dos arquivos do trasno vainos servir, pois, de exemplo dos experimentos a tradición e a vangarda dos prosistas galegos da xeración máis nova da preguerra.  Publicado en 1926, no mesmo ano que Cousas de Castelao, vai compartir con este libro algunhas características: a brevidade, a tensión lírica, a elección do material narrativo entre os ambientes populares dunha vila mariñeira galega, a vontade de captar a “experiencia colectiva do pobo galego” trascendendo o mero conto baseado nunha anécdota de carácter costumista, a dignificación da vida das clases populares, mostrando como no humilde e no cotián están presentes as preocupacións existenciais máis elevadas, a apariencia de sinxeleza no estilo literario, conseguida grazas a un incansable esforzo de depuración estética.

Nos seus escritos dos anos 20 Dieste concibe a cultura como unha conciliación entre a tradición e a o progreso e a arte como un exercicio de implicación co pobo, aínda que isto non implique en ningún caso caer no costumismo nin no naturalismo ou buscar o pintoresco. Trátase de captar a psicoloxía colectiva e buscar a través da observación dos personaxes populares e dos obxectos e acontecementos cotiás aos que están ligadas estas existencias anónimas o carácter misterioso da existencia.
É moi interesante ler con atención o “Limiar” que precede aos relatos de Dos arquivos do trasno, pois alí atoparemos unha importante teorización do que para Dieste debía ser esta forma breve, condensada e intensa de narración. No Limiar tense en conta a importancia do lector e do acto actualizador da lectura, de cada lectura, na cal entende que se remata o proceso narrativo do relato. Os principais valores do relato son a unidade emotiva e a relevancia do final: “o remate ha ter a virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas”. O final é a culminación da lectura e non necesariamente porque se nos presente un feito novo que peche definitivamente a historia, senón porque nos descobre algún aspecto no que non reparáramos ou se lle dera pouca importancia ata ese momento acerca da maneira en que se contou a historia. Isto acontece, por exemplo, en “O vello que quería ver o tren” e “De como se condanou Ramires”: o final non achega información nova ou inesperada que poña o peche final (o vello viu o tren e Ramires condenouse como xa se prevía desde o título), senón que o final convértese no momento en que nos vemos obrigados a reconsiderar as voltas do discurso ata chegar a este final predecible, facendo simultáneas as experiencias previas. A importancia que Dieste lle outorga ao traballo do lector é un trazo profundamente innovador: o traballo de darlle sentido ao relato despois destes finais en certa maneira desconcertantes correspóndelle ao lector, que debe facer unha recapitulación de todas as “pistas” que o autor foi deixando no entramado do relato.

Outro aspecto que dota de complexidade á narrativa de Dieste é a modalización narrativa. Aínda que predomina un narrador en 3ª persoa, xa non temos un único narrador autorizado (e autoritario), a súa voz dilúese en múltiples narradores, algúns preséntanse dubidosos, pouco fiables como o narrador que aproveita o embelesamento do público da taberna para marchar sen pagar en “O neno suicida”. En “O vagabundo” e “O vello que quería ver o tren” teriamos un autor implícito (o narrador identifícase co autor); en “A volta”, “Historia dun xoguete”, “O neno suicida”, “Na morte de Estreliña”, “O grandor do mundo”, “Espanto de nenos” e “Nova York é noso” estariamos diante dunha omnisciencia neutral (sen rastro da voz do autor) que nalgúns casos cede ante a perspectiva dalgúns personaxes; en “De como se condenou Ramires” atopamos omnisciencia selectiva, que presenta o relato a través do que din (ou pensan) diferentes personaxes e mesmo a través do monólogo interior do moribundo; narrador en 1º persoa está presente en “Encol da morte de Bieito”, “O vello moreno”, “A luz en silenzo”, “Na ponte de ferro”, “Un conto de reis”, “O caso dos tres fornos”, “Once mil novecentos vinte e seis” e “De como veu a Rianxo una balea”; o modo dramático atopámolo en “O cabalo de axedrez”. Todos estes xogos nas voces narrativas conectan coas inquietudes e experimentos dos máis importantes renovadores da narrativa do século XX.

O teatro


Rafael Dieste é autor dunha obra de teatro, A fiestra valdeira, publicada por primeira vez en 1927. Antes desta data o teatro galego tiña dúas liñas temáticas consolidadas: a histórico-lendaria con obras como O mariscal de Cabanillas e Antón Villar Ponte e a rural-costumista, na que se encadrarían a maioría das pezas dos escritores rexionalistas e tamén dos vinculados ás Irmandades da Fala como Manuel Lugrís Freire. A fiestra valdeira de Dieste xunto con A man da santiña de Cabanillas e Alén de Xaime Quintanilla intentan abrir novos horizontes na tradición teatral en galego: os tres son textos que apostan pola depuración estética fronte á acción: o discurso dramático cobra importancia tanto na utilización de elementos simbólicos na linguaxe e como na composición escénica. A fiestra valdeira trascende o asunto local e costumista (un emigrante enriquecido, en contra da súa familia, teima en ser representado nun retrato como o mariñeiro que foi e que segue a ser no fondo de si mesmo) para acadar unha dimensión universal: a posta en valor da identidade individual en harmonía coa identidade colectiva.
A primeira representación da obra tivo lugar varios anos despois, en 1935, dun xeito espontáneo en Rianxo a petición dos mariñeiros da vila, dirixida polo propio autor coa axuda de Castelao. A obra tería que esperar a 1994 para ser obxecto dunha montaxe profesional.

A historia desta peza de teatro debería facernos reflexionar sobre o valor que se lle dá á literatura e, en xeral, aos produtos culturais feitos en galego: non había público na época interesado en asistir á representación de A fiestra valdeira? Tiña algo importante que comunicar esa obra? Tivo interese en 1994 para o publico que asistiu ás representacións en Galicia? Ten valor universal máis alá do asunto concreto que trata?

BIBLIOGRAFÍA: Casas, Arturo, (1994). Rafael Dieste e a súa obra en galego, Vigo, Ed. Galaxia