lunes, 29 de octubre de 2012

TEMA 5 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX. A XERACIÓN NÓS


TEMA 5 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX 



5.1. A Xeración Nós

Por Xeración Nós enténdese normalmente o grupo fundador da revista Nós en 1920: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Antón Losada Diéguez e Alfonso Castelao. A este grupo ourensán-pontevedrés pode engadirse un grupo coruñés no que estarían Villar Ponte e Xohán Vicente Viqueira. Funcionan como un grupo coherente que comparte uns ideais políticos e culturais e non dubidan en poñer en marcha, ou participar activamente, en diversos proxectos para levalos a cabo. Aínda que esta inicial unidade de acción acabará rachando, pois non todos se integran no nacionalismo político, si podemos afirmar que consiguen dotar ao nacionalismo dun entramado organizativo cultural e que, malia a ruptura, tamén conseguen articular un proxecto político, que culminará na fundación do Partido Galeguista (1931) e a aprobación do Estatuto de Autonomía.
Desde o punto de vista literario o seu papel é fundamental: son os creadores da prosa moderna en galego, tanto narrativa como ensaística. Son capaces de crear cada un deles un estilo persoal inconfundible e cunha vontade clara de contemporaneidade, deixando atrás as formas decimonónicas. Asemade, desde a súa rigorosa formación intelectual, poñen en contacto a literatura galega coas diferentes culturas europeas, os movementos artísticos e abren debates moi interesantes acerca do que debe ser unha “arte nacional galega”, que resultan moi estimulantes para a nova xeración de escritores. Centrarémonos en repasar as principais contribucións desta xeración na prosa narrativa e no teatro dun xeito sintético.



Prosa narrativa:
Vicente Risco: autor dunha prosa nerviosa, aparentemente casual, acumulativa. Baséase na esaxeración e a ironía para conseguir un efecto humorístico nas súas acedas críticas da sociedade burguesa e mercantil que predominaba nas vilas e cidades galegas da súa época. Outra liña temática importante nos relatos é o recreación de mitos tradicionais galegos.
Relatos breves: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919)
  O lobo da xente (1925)
Novela: O porco de pé (1928)

Ramón Otero Pedrayo: autor dunha gran obra narrativa tanto en forma de relatos como de novelas longas. Os temas fundamentais que trata son, por unha parte, a explicación da evolución histórica de Galicia, desde os momentos de esplendor aos de decadencia, e, por outra parte, a exploración do proceso psicolóxico de descubrir Galicia e chegar a un compromiso profundo coa súa terra que fai cambiar o sentido da vida dos protagonistas. El mesmo e os seus compañeiros de xeración experimentaron esta “conversión” aos ideais do nacionalismo. A súa maneira de escribir prosa poderiamos comparala á dun gran río que avanza lentamente recollendo a cada paso diferentes regatos de diferente importancia que se van engadindo ao seu abundante caudal. Oracións longas que se ramifican en ramas subordinadas, ricas en adxectivación e recursos que xogan cos nosos sentidos.
Os camiños da vida, triloxía de 1928
Arredor de si (1930)
Castelao: a obra narrativa de Castelao é un exemplo de contención e aparente sinxeleza. Unha lingua elegante sen perder a súa raíz popular nos diálogos vivos, nas frases feitas, na lingua marcada dialectalmente nalgunhas secuencias. Explora con éxito os xéneros narrativos máis breves, moitas veces combinados con debuxos seus, chegando ás veces a construír pequenas obras de arte de intensa beleza. En Castelao temos unha narrativa que busca conmover ao lector cos agudos problemas sociais da Galicia da súa época.
Un ollo de vidro, memorias dun esquelete (1922)
Cousas (1926)
Retrincos (1934)
Os dous de sempre (1934), a súa única novela.

–Teatro: Conciben o teatro como un espectáculo artístico, non só como un diálogo literario. Trátase dunha concepción que busca retomar a tradición do “teatro da arte” onde se aproveitan recursos plásticos de luz, cor, máscaras, música e personaxes arquetípicos.
Vicente Risco
O bufón d´El rei (1928)
Otero Pedrayo
A lagarada (1929)
Teatro de máscaras (1934)
Castelao
Os vellos non deben de namorarse, aínda que foi escrita nos anos 30, non foi publicada e representada ata 1941 en Buenos Aires.

En definitiva, a partir da Xeración Nós quedou perfectamente claro que o galego non só era unha lingua apta para a poesía ou para tratar temas costumistas relacionados coa Galicia rural, senón unha lingua adaptable a calquera tipo de tema e no rexistro adecuado tanto no uso escrito (correspondencia persoal, artigos de xornais, ensaios sobre temas académicos, novelas e relatos...) como oral (conferencias e discursos...) e isto foi posible grazas a unha planificación completa do seu traballo cultural e ao seu esforzo por dignificar e darlle presenza na vida pública ao galego.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.