martes, 9 de octubre de 2012

LECTURAS 2º BAC (I)

Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas



1ª saga: O mago Merlín chega coa espada Escalibur desde a illa de Sálvora, na ría de Arousa, para proceder ao rito de elección dun novo rei para os celtas: aquel que sexa capaz de sacala da peneda na que o mago a espetou será recoñecido como rei..

Nun nimbo luminoso xorde o bardo adiviño
envolveito en brancuras recendentes de liño,
ollos gazos, profundos, longa barba florida,
cingue a fronte coas hedras da coroa druída
e na man, que reloce como un lirio bendito,
ten a fouce de ouro do litúrxico rito;
a fouce segadora da mandrágora, ao raio
de feitizo e de agoiro dos luares de maio.

É Merlín o profeta, o celta armoricán,
dos silfos e das umias ollado por irmán,
sabedor dos encantos e dos máxicos conxuros,
das virtudes das herbas e dos fados escuros,
que nos claros dos bosques e os baixíos costeiros
aprendeu a divina linguaxe dos luceiros;
o bardo das idades, o da segreda ciencia
que a terra fixo súa impóndolle obediencia
ás augas das riada, aos rochedos do cume,
ás nubes da tormenta, á ardentía do lume.

Imponente, mostrando nativa maxestade,
na mirada un sereo claror de eternidade,
ten aos pés -cruz de ouro, folla núa afiada-
sobre o manto da neve unha fúlxida espada.
Aceiro puro e virxe das entrañas da terra,
cos lumes siderais das estrelas en guerra
nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,
que no dolmen batido e no Xordán templado,
foille dado a unha raza de homes sans e valentes,
cabeceira de pobos, guiadora de xentes,
para impor unha ciencia sinalando un camiño
que por riba dos tempos leva ao triunfo diviño.

Ergueito coma un pino que as altas nubes fende,
os brazos sarmentosos o bardo aos ceos tende,
e escóitase na noite solemne resoar
a súa luz bruante sonora coma o mar:

Baixo a dozura do ceo
da nobre Galicia irmá,
onde pola nosa gloria
inda dourando o fogar
vive aceso o lume sagro
dos claros días do clan,
hai unha illa encantada
de rochedos de coral,
esmeralda verdegaia
ao resplandor do luar,
bicada de manseliñas
augas de limpo cristal
nas que as sereas ensaian
seu namorante cantar
mentres os pinos lanzais
escoitan voces leviás
que chegan esmorecidas
do misterio de alén-mar.

Nunha furna que galgantes
cerran as ondas do mar,
apreixada nas ferintes
poutas dunha aguia real,
gardada por un dragón
de alento que é solimán,
brillaba a fúlxida espada
Escalibur, o triunfal
aceiro da heroica idade
cantada por Osián,
que ten de ser sobre a Terra
ergueita en céltigas mans,
símbolo, florón e escudo
da Cruz, do Amor e da Paz.

3 comentarios:

  1. Suponse que temos que ler o libro ao que pertence este poema?

    ResponderEliminar
  2. Cada trimestre tedes que ler unha obra do programa de literatura. Este trimestre estudaremos a literatura do 1º terzo do s. XX e esta é unha das obras máis representativas, razón pola que decidín escollela como unha das lecturas recomendadas. Como falamos na clase, as outras recomendacións son: unha das novelas integradas na triloxía Os camiños da vida, de Ramón Otero Pedrayo (xa tedes publicado un fragmento neste blog, para que vaiades catando), Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste e Cousas e Retrincos dee Castelao. Se queredes ler algunha outra non hai problema, pero debedes comunicarmo.

    ResponderEliminar
  3. Por certo, o que acabas de ler non é un "poema" é un fragmento da 1ª das sagas de Na noite estrelecida.

    ResponderEliminar

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.