sábado, 27 de octubre de 2012

A literatura: a tradición escrita e a tradición oral. Introdución á literatura galega


TEMA 4 (1º Bac): A LITERATURA: A LITERATURA CULTA DE TRADICIÓN ESCRITA E A LITERATURA POPULAR DE TRADICIÓN ORAL. CRONOLOXÍA XERAL DA HISTORIA DA LITERATURA GALEGA

4.1. A literatura: as diferentes tradicións literarias
Se buscamos no dicionario o significado da palabra literatura atoparemos definicións semellantes a esta: “1. Arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión. 2. Conxunto de producións literarias dun país, época, autor. 3. Conxunto de obras escritas con finalidade estética por un pobo, durante unha época, nunha lingua. 4. Ciencia que estuda esa arte e as súas producións. 5. Conxunto de obras escritas que tratan sobre unha materia determinada, mesmo con finalidade didáctica e non estética.”

A palabra literatura vén do étimo latino LITTERATURAM que, á súa vez, vén da palabra LITTERA, que significa letra. A literatura era o que se representaba con letras, é dicir, o que se escribía, nun sentido que ía máis alá da mera finalidade estética. Así, para un latino, a exposición escrita dos feitos históricos, o que hoxe para nós é a historia, era literatura. Algo deste uso consérvase na 5ª das acepcións que demos arriba para literatura.

No mundo antigo só se escribía o que se consideraba que pagaba a pena ser conservado para a memoria. Así, escribíronse leis, narracións que recollían as crenzas colectivas (mitos), narracións de feitos importantes (historia), xenealoxías... pero tamén aquilo que emocionaba esteticamente como poesía, textos teatrais...

Non todas as culturas desenvolveron unha maneira de escribir. Porén, as culturas ágrafas tamén tiñan gusto por crear e gozar da literatura. Esta transmitíase oralmente xeración tras xeración e gardábase na memoria. Os individuos con boa memoria capaces de transmitir este legado eran moi aprezados nas culturas tradicionais. Preme aquí e atoparás un bo exemplo.

Tanto nun caso (culturas con tradición escrita) coma noutro (culturas ágrafas) a literatura cumpría unha importante función social axudando a crear vínculos entre o colectivo que compartía un territorio, unha experiencia común de adaptación a ese territorio, unha organización do tempo e un conxunto de crenzas e afinidades estéticas. Todo isto, escribírase ou non, será o material imaxinario que está na base de calquera literatura e que lle dá personalidade con respecto a outras. Por iso, aínda que durante moito tempo só se lle chamou literatura á que acadaba forma escrita, paralelamente sempre existiu unha literatura oral fóra dos libros, dos pazos e mosteiros. En Europa esta rica tradición cultural non escrita empezou a tomarse en serio a finais do século XVIII co Romanticismo.

Dicíavos o outro día na clase que cando a literatura culta de tradición escrita se achegaba á fonte fresca da literatura popular de tradición oral producía obras de arte marabillosas que semellan eternas, pois non deixan de emocionarnos na súa perfecta e simple beleza xeración tras xeración. Un bo exemplo son as cantigas de amigo, que aínda serven de inspiración a artistas como Amancio Prada, que as interpretan cunha sensibilidade contemporánea.


A literatura galega responde perfectamente a isto que acabamos de dicir: desde moi pronto tivo unha literatura culta de carácter escrito, feita de acordo coas modas literarias que rexían naquela época en Europa. Pero esta tradición culta axiña se achegou á fonte da literatura oral autóctona e introduciu no mundo cortesán e nos ambientes cultos as cantigas de amigo, unha particular maneira de facer poesía que lle dá moita personalidade á Escola Trobadoresca Galego-Portuguesa.

A literatura escrita en galego decaeu desde finais do século XV ata o século XIX, pero a literatura popular de carácter oral seguiu viva e vizosa, polo que vai servir de punto de partida para que Rosalía de Castro inicie o Rexurdimento na Idade Contemporánea co seu libro Cantares gallegos. Non hai dúbida, a poesía popular é unha arma poderosa que conmove a propios e estraños. Escoitade, se non, á famosa cantante estadounidense Joan Báez.

A literatura galega actual arrinca do Rexurdimento do s. XIX. Nos primeiros tempos despois do seu renacemento na época contemporánea tivo un importante cultivo na poesía. Os xéneros en prosa (narrativa e ensaio) e mais o xénero dramático tardaron un pouco máis en consolidarse: no 1º terzo do século XX. Hoxe en día escríbese en galego en todos os xéneros e a narrativa está a ter un auxe extraordinario.

O programa deste curso, que abrangue desde a Idade Media ata finais do s. XIX, vainos centrar, sobre todo, na poesía.

4.2. Cronoloxía xeral da Historia da Literatura Galega

  • Idade Media (s. XIII – XV)

  • Séculos Escuros (s. XVI-XVIII)

  • Rexurdimento (mediados XIX)

  • 2º Rexurdimento: 1º Terzo do s. XX (ata 1936)

  • Posguerra
    • Desde 1939 ata finais de 50
    • Décadas de 60 e 70

  • Transición e Autonomía: anos 80 ata a actualidade


A literatura galega, intimamente ligada as vicisitudes do pobo que co seu alento lle deu forma, tivo momentos de esplendor e momentos de escuridade. Quero que vaiades descubrindo todo o que hai arredor de que unha muller ou un home se sente e empece a escribir desde unha tradición, dándolle unha determinada forma literaria ao que ten na cabeza coa esperanza de que alguén o lea. Empezamos o noso percorrido pola literatura galega coa esperanza de chegar a saber máis de nós mesmos, mentres gozamos xuntos das súas belezas.


2 comentarios:

  1. que es literatura autonoma?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Señor ou señora Anónimo:
      As miñas alumnas e alumnos saben escribir (e falar) en galego. Tamén saben ler, ou iso creo. Despois de reler tres veces o texto que nos precede para saber que hei de responder a esta pregunta chego á conclusión de que vostede confunde "autónoma" con "autóctona". Se aínda non sabe o que significa "literatura autóctona", permítame que lle recomende uns libriños moi prácticos que pode atopar en bibliotecas e librerías que se chaman "dicionarios".

      Eliminar

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.