domingo, 7 de octubre de 2012

A FORMACIÓN DA LINGUA GALEGA

 
TEMA 2 (1º Bac): A FORMACIÓN DA LINGUA GALEGA

2.1. A familia lingüística do galego. O latín vulgar e a súa evolución no NO da Península Ibérica.

Como vimos no tema anterior a lingua, cada lingua ou idioma dos que hoxe se falan no mundo, é a particular concreción que un grupo de seres humanos realiza da súa capacidade para comunicarse verbalmente. Unha lingua non é cousa de unha persoa, é cousa dunha sociedade humana. Unha lingua non é froito dunha improvisación dun momento, é resultado do asentamento e aceptación colectiva dunha maneira de expresarse con palabras, capaz de transmitir as experiencias individuais e e as comúns, as presentes, as pasadas e, mesmo,capaz de anticipar as futuras.

No caso galego esa comunidade humana capaz de darlle forma a unha particular maneira de expresarse lingüísticamente existe desde hai moito tempo. Canto? Iso xa é máis difícil de determinar, entre outras cousas porque estamos falando de comunidades prehistóricas que non deixaron testemuños escritos. O que sabemos deles coñecémolo polos restos arqueolóxicos e polo que nos contaron os romanos: eran guerreiros, coñecían as técnicas metalúrxicas, non cultivaban os típicos produtos mediterráneos como o aceite ou o trigo... 

Castro de Viladonga

O que si é certo é que desde que foi invadido e colonizado polos romanos o territorio Noroccidental da Península Ibérica, que chamaron Gallaecia, e o latín vulgar empezou a ser coñecido e asimilado pola poboación autóctona, ese latín empezou a cambiar dun xeito especial e diferente ao latín que se falaba noutras partes do inmenso Imperio Romano. Nalgúns destes territorios do imperio, entre os que se encontra a Gallaecia, o latín vulgar conseguiu impoñerse ás linguas autóctonas e iniciou un intenso proceso de evolución que daría lugar ás linguas románicas. Por iso podemos afirmar que “a historia da lingua galega que hoxe falamos comeza no tempo en que os colonizadores romanos trouxeron o idioma latino ata o NO ibérico” (Mariño Paz, R. 1998: 17).

O Imperio Romano e os territorios que foi anexionando en diferentes datas

A Gallaecia romana dividíase en tres zonas administrativas: conventus lucensis, conventus asturicensis e conventus bracarensis, que conservan aínda moitas peculiaridades culturais e lingüísticas

2.2. Substrato e superestrato
2.2.1. Substrato
Chamámoslles substratos ás linguas dos habitantes da Gallaecia prerromana. A elas superpúxose o latín vulgar e acabaron desaparecendo, deixando nel a súa pegada.
A substitución das linguas prerromanas polo latín vulgar non foi inmediata. Temos que pensar nun longo período de convivencia entre as variedades autóctonas e a lingua dos romanos que favorecese a influencia, interferencia e hibridación de moitas formas lingüísticas.
É moi posible que os hábitos articulatorios dos falantes das linguas autóctonas influísen nos cambios fonéticos que se foron producindo no latín galaico, pero iso é imposible de comprobar. O único nivel lingüístico no que é relativamente fácil determinar a influencia destas linguas no latín é o léxico: perviven moitas palabras no galego actual, comúns ás linguas ibéricas ou exclusivas do galego e portugués, que non existen nas demais linguas románicas. A maior parte deste léxico son substantivos que designan realidades concretas e características do contorno: o relevo xeográfico, as plantas, os animais, as construcións domésticas... A presenza de elementos prerromanos é especialmente abundante na toponimia, tanto por conservar o nome orixinal nos asentamentos existentes antes da romanización como por adoptar, no caso das novas fundacións, o nome común con que se designaba na lingua autóctona.

Distínguense diferentes substratos correspondentes a pobos que foron asentándose na Gallaecia ao longo de sucesivas etapas históricas:
·      Substrato preindoeuropeo: moi antigo, localizado na Idade de Pedra e ata o 3º milenio a. C.: cosco, mata, queiroga, carqueixa, carrapucho, carrasca, balsa, carambelo, meda, coto, amorodo, arando, gándara, etc.
·      Substrato indoeuropeo: arredor do 800 a. d. C: cabana, páramo, galego (e todo o que leve o sufixo –ego), berce, billa, brizo, buraco, lama, lousa, bidueiro, camba, canga, cheda, croio, goro, greña, maniño, tona, virar, laxe, beizo, terco, tranca, etc.

2.2.2. Superestrato
As linguas dos pobos que se estableceron ou exerceron unha influencia no latín vulgar galaico despois da caída do Imperio Romano constitúen o superestrato. Son fundamentalmente dous: o xermánico e o árabe.
  • Superestrato xermánico: son os restos das linguas dos pobos xermánicos que se estableceron no territorio da Gallaecia cando o Imperio Romano sufría unha gran decadencia. De feito, o primeiro reino xermánico establecido no imperio foi o dos suevos na parte sur do que hoxe é Galicia e no norte de Portugal a principios do s. V. Este reino foi absorbido polo dos visigodos século e medio despois. A consecuencia principal das invasións xermánicas foi a de acentuar as diferenzas que xa había entre os distintos dialectos latinos e acelerar o proceso de evolución que daría lugar ás diferentes linguas romances. Consérvanse restos de superestrato xermánico no léxico común relacionadas co estilo de vida deste pobo (roupa, adobar, frecha, guerra, orgullo, galardón, rico, pantalón), pero, sobre todo, na antroponimia (Fernando, Alberte, Luís, Ramiro, Elvira, Gonzalo) e na toponimia (Mondariz, Allariz, Guitiriz, Sande, Castromil, Boimil, Gomesende, Abegondo...). 



  • Superestrato árabe: A invasión musulmana produciuse no ano 711. A batalla de Guadalete, coa vitoria por sorpresa dos africanos, supuxo o fin do reino visigótico e o inicio dunha nova configuración política da Península Ibérica, que foi prácticamente ocupada na súa totalidade en poucos anos polos musulmáns. Galicia (denominada polos invasores musulmáns Jalîkîya) é o único territorio que se mantén á marxe da invasión. A influencia directa do árabe no galego é reducida (palabras como argola, albarda, alforxa, aceite, laranxa, arroba, quintal, maquía, acea, albeite, a expresión de balde), pero os arabismos chegáronnos constantemente a través do castelán en cantidade importante en séculos posteriores.

No século VIII xa podemos falar de linguas romances ben diferenciadas faladas de maneira común por toda a poboación dos territorios romanizados e, aínda que nesta época segue a escribirse en latín, é moi común que nos textos se vaian coando termos en romance (meio, vila, rego, couto) que nos deixan ver que xa, nin sequera os que sabían escribir en latín o falaban de maneira habitual e moito menos podían escribilo correctamente.

2.3. Principais evolucións fonéticas do latín ao galego.
Algúns dos cambios fonéticos máis importante que se produciron na evolución do latín vulgar cara ao galego son os seguintes:

  • Evolución do PL- inicial latino: PLUVIAM > chuvia
  • Evolución do CL- inicial latino: CLAVEM > chave
  • Evolución do FL- inicial latino: FLAMMA > chama
  • Desaparición de -N-  e -L- latinos entre vogais: LUNAM > lúa; CAELUM > ceo
  • Simplificación das consoantes dobres latinas –NN- e –LL-: CANNAM > cana; PELLAM > pela
  • Evolución do grupo consonántico latino –CT-: NOCTEM > noite
  • Sonorización das consoantes xordas intervocálicas latinas: -P-, -T-, -K- > -b-, -d-, -g-: APICULAM > abella, METUM > medo, LACUM > lago

2.4. Cultismos, semicultismos e palabras patrimoniais. As familias léxicas irregulares
As palabras que sufriron todos os cambios fonéticos que se produciron no latín vulgar ata converterse en galego chámanse palabras patrimoniais. As palabras patrimoniais son as máis antigas e sufriron ao longo do tempo un maior desgaste, polo que a súa forma presenta notables diferenzas con respecto á palabra latina da que proceden (étimo).

Ex.: cheo, chuvia, chave, ceo, chama, lago, noite, artello...

Pero a lingua está constantemente renovándose e incorporando novas palabras que fagan fronte ás novas necesidades que van xurdindo. As linguas romances, e en xeral todas as linguas europeas, acudiron ao latín para ampliar o seu léxico a medida que estas linguas se foron utilizando para a actividade intelectual e administrativa que antes era exclusiva do latín. Estas palabras tomadas do latín máis tardiamente e utilizadas en ámbitos moi conservadores e cultos apenas cambiaron formalmente con respecto ao étimo latino: chámanse cultismos.

Ex.: pluviosidade, clave, celeste, inflamable, lacustre, noctámbulo, regular, artículo...

Algunhas palabras están a medio camiño, é dicir, foron incorporadas tardiamente, usadas en ámbitos intermedios (non demasiado cultos) e víronse afectadas parcialmente polo proceso de evolución do latín ao galego: estamos a falar das palabras semicultas.

Ex.: crego, artigo, caravilla, regra, preamar, cravo...

Non é raro que dun mesmo étimo latino teñamos hoxe na lingua palabras que evolucionaron totalmente (patrimoniais), palabras que o fixeron só parcialmente (semicultas) e palabras que se manteñen practicamente idénticas á forma da que proceden (cultas): a estas familias de palabras chamámoslles familias léxicas irregulares.

Ex.: persoa, persoal, personaxe, personalizar
       dor, doente, doenza, doloroso, indoloro
       chave, caravilla, clavícula
       artello, artigo, artículo
       crego, clerical

2 comentarios:

  1. Substrato indoeuropeo: arredor do 800 a. d. C, aqui non me quedou moi claro, e no 800 a .C ou no 800 d.C?
    Iso por unha parte, e por outra, os celtas, iberos etc. que entran no substrato preindoeuropeo ou no indoeuropeo?

    ResponderEliminar
  2. Tes razón, armeime un lío coas abreviaturas: debes ler 800 a.C (pensa que é substrato prerromano). Dos íberos eu en realidade non falo, supoño que a confusión virá desta oración: "perviven moitas palabras no galego actual, comúns ás linguas ibéricas ou exclusivas do galego e portugués, que non existen nas demais linguas románicas" na que por linguas ibéricas entendo as actuais linguas que se falan na Península Ibérica. Os celtas son parte dos pobos indoeuropeos que empezan a entrar no occidente europeo contra o 800 a.c. En todo caso, se queres profundizar no tema, podes consultar: Historia da lingua galega de Ramón Mariño Paz, ed. Sotelo Blanco, onde se analiza a importancia "do elemento celta" no galego actual.

    ResponderEliminar

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.