lunes, 29 de octubre de 2012

TEMA 5 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX. A XERACIÓN NÓS


TEMA 5 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX 



5.1. A Xeración Nós

Por Xeración Nós enténdese normalmente o grupo fundador da revista Nós en 1920: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Antón Losada Diéguez e Alfonso Castelao. A este grupo ourensán-pontevedrés pode engadirse un grupo coruñés no que estarían Villar Ponte e Xohán Vicente Viqueira. Funcionan como un grupo coherente que comparte uns ideais políticos e culturais e non dubidan en poñer en marcha, ou participar activamente, en diversos proxectos para levalos a cabo. Aínda que esta inicial unidade de acción acabará rachando, pois non todos se integran no nacionalismo político, si podemos afirmar que consiguen dotar ao nacionalismo dun entramado organizativo cultural e que, malia a ruptura, tamén conseguen articular un proxecto político, que culminará na fundación do Partido Galeguista (1931) e a aprobación do Estatuto de Autonomía.
Desde o punto de vista literario o seu papel é fundamental: son os creadores da prosa moderna en galego, tanto narrativa como ensaística. Son capaces de crear cada un deles un estilo persoal inconfundible e cunha vontade clara de contemporaneidade, deixando atrás as formas decimonónicas. Asemade, desde a súa rigorosa formación intelectual, poñen en contacto a literatura galega coas diferentes culturas europeas, os movementos artísticos e abren debates moi interesantes acerca do que debe ser unha “arte nacional galega”, que resultan moi estimulantes para a nova xeración de escritores. Centrarémonos en repasar as principais contribucións desta xeración na prosa narrativa e no teatro dun xeito sintético.



Prosa narrativa:
Vicente Risco: autor dunha prosa nerviosa, aparentemente casual, acumulativa. Baséase na esaxeración e a ironía para conseguir un efecto humorístico nas súas acedas críticas da sociedade burguesa e mercantil que predominaba nas vilas e cidades galegas da súa época. Outra liña temática importante nos relatos é o recreación de mitos tradicionais galegos.
Relatos breves: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919)
  O lobo da xente (1925)
Novela: O porco de pé (1928)

Ramón Otero Pedrayo: autor dunha gran obra narrativa tanto en forma de relatos como de novelas longas. Os temas fundamentais que trata son, por unha parte, a explicación da evolución histórica de Galicia, desde os momentos de esplendor aos de decadencia, e, por outra parte, a exploración do proceso psicolóxico de descubrir Galicia e chegar a un compromiso profundo coa súa terra que fai cambiar o sentido da vida dos protagonistas. El mesmo e os seus compañeiros de xeración experimentaron esta “conversión” aos ideais do nacionalismo. A súa maneira de escribir prosa poderiamos comparala á dun gran río que avanza lentamente recollendo a cada paso diferentes regatos de diferente importancia que se van engadindo ao seu abundante caudal. Oracións longas que se ramifican en ramas subordinadas, ricas en adxectivación e recursos que xogan cos nosos sentidos.
Os camiños da vida, triloxía de 1928
Arredor de si (1930)
Castelao: a obra narrativa de Castelao é un exemplo de contención e aparente sinxeleza. Unha lingua elegante sen perder a súa raíz popular nos diálogos vivos, nas frases feitas, na lingua marcada dialectalmente nalgunhas secuencias. Explora con éxito os xéneros narrativos máis breves, moitas veces combinados con debuxos seus, chegando ás veces a construír pequenas obras de arte de intensa beleza. En Castelao temos unha narrativa que busca conmover ao lector cos agudos problemas sociais da Galicia da súa época.
Un ollo de vidro, memorias dun esquelete (1922)
Cousas (1926)
Retrincos (1934)
Os dous de sempre (1934), a súa única novela.

–Teatro: Conciben o teatro como un espectáculo artístico, non só como un diálogo literario. Trátase dunha concepción que busca retomar a tradición do “teatro da arte” onde se aproveitan recursos plásticos de luz, cor, máscaras, música e personaxes arquetípicos.
Vicente Risco
O bufón d´El rei (1928)
Otero Pedrayo
A lagarada (1929)
Teatro de máscaras (1934)
Castelao
Os vellos non deben de namorarse, aínda que foi escrita nos anos 30, non foi publicada e representada ata 1941 en Buenos Aires.

En definitiva, a partir da Xeración Nós quedou perfectamente claro que o galego non só era unha lingua apta para a poesía ou para tratar temas costumistas relacionados coa Galicia rural, senón unha lingua adaptable a calquera tipo de tema e no rexistro adecuado tanto no uso escrito (correspondencia persoal, artigos de xornais, ensaios sobre temas académicos, novelas e relatos...) como oral (conferencias e discursos...) e isto foi posible grazas a unha planificación completa do seu traballo cultural e ao seu esforzo por dignificar e darlle presenza na vida pública ao galego.





TEMA 4 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX. A XERACIÓN ANTRE DOUS SÉCULOS


TEMA 4 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX 





4.1. Un 2º Rexurdimento literario

Ao longo do 1º tramo do s. XX o Rexurdimento literario iniciado no s. XIX vai experimentar un importante impulso. Convocados pola potente mensaxe das Irmandades da Fala, varias xeracións de escritores con moi diferentes concepcións literarias conflúen nesta época gravitando, como di o estudoso Méndez Ferrín, arredor da Xeración Nós.

Cómpre insistir na eficacia organizativa das Irmandades da Fala: creación de filiales da organización en moitas vilas e cidades galegas, a capacidade para entusiasmar a un importante sector da intelectualidade galega co seu proxecto cultural e político (reivindicar a lingua galega implicaba tamén articular un modelo de sociedade galega en que estas reivindicacións tivesen sentido), crear canles culturais para difundir os seus ideais: xornais, revistas, editoriais, seminarios... e, tamén, no deseño coherente dun plan de actualización da cultura galega. Nada disto sería posible sen o compromiso absoluto co proxecto dos membros da Xeración Nós, un grupo de homes cunha boa formación cultural, ben informados das últimas tendencias artísticas europeas e con vocación para asumir o liderato que se precisaba para que funcionase esta inxente tarefa de construción cultural e política.

4. 2. A Xeración “Antre dous séculos” e os escritores ligados ás Irmandades

Deste xeito teriamos a Xeración “Antre dous séculos” formada polos escritores máis vellos, sen vencellos de grupo, virados cara á estética do século XIX, dominada polo costumismo e un intimismo imitador do iniciado por Rosalía. A organización do nacionalismo a través das Irmandades e o contacto coa Xeración Nós proporcionoulles o coñecemento dos poetas saudosistas portugueses que han de influír moito na obras dos principais poetas desta xeración: Ramón Cabanillas e Antonio Noriega Varela.
–Poesía:
Ramón Cabanillas: considerado o mellor poeta da xeración, recoñecido como o “sucesor de Curros Enríquez”. Pasa dunha etapa de poesía cívica e combativa a outra onde predomina a creación de universos poéticos impregnados de idealismo, simbolismo e saudosismo que deixan ver un coñecemento profundo destas correntes da poesía europea finisecular.
No desterro (1913)
Vento mareiro (1915)
Da terra asoballada (1917)
Na noite estrelecida (1926)
A rosa de cen follas (1927)

Noriega Varela: o costumismo descritivo do 1º libro vai evolucionando no seu 2º libro (e en sucesivas edicións) a unha poesía influída pola filosofía franciscana (culto polo pequeno e a humilde beleza das cousas sinxelas) e formalmente debedora da poesía saudosista portuguesa con pretensións de facer unha poesía cultista.
Montañesas (1904) revisado e reeditado (1910)
Do ermo (1920)                                    (1929), (1946)

–Prosa:
Francisca Herrera Garrido: É a 1º muller que publicou unha novela escrita en galego. Gran admiradora de Rosalía, a súa obra está dominada polo costumismo decimonónico. Foi a 1ª escritora membro da Real Academia Galega, pero unha especie de boicot interno impediu que chegase a ler o discurso de entrada.
Néveda (1920)
Xosé Lesta Meis: É un escritor ligado ás Irmandades da Fala, máis novo ca os anteriores, coetáneo da Xeración Nós, pero cunha traxectoria vital e uns intereses literarios diferentes. De formación autodidacta, súa narrativa é testemuñal e de feitura sinxela: a emigración que el experimentou, as lembranzas da aldea son os temas que trata:
Estebo (1927)

–Teatro: O teatro era un dos entretemento favoritos das clases burguesas urbanas e, como tal, podía ser un medio excelente de recuperación para a o galego. Xa os escritores rexionalistas intentaran crear unha Escola Rexional de Declamación en 1903 que formase actores para poñer en escena as obras escritas por eles.
Lugrís Freire:
A ponte (1903)
San Luís Romero:
O fidalgo (1918)

As Irmandades da Fala reavivan este interese teatral e dan un paso adiante coa creación do Conservatorio Nazonal de Arte Gallego en 1919 e estimulan entre os escritores  membros da organización a creación de obras de calidade e carácter “pedagóxico” que axudasen a romper con certos tópicos asociados ao galego (lingua de clase baixas e ambiente rurais, etc) e a difundir a historia de Galicia.
Ramón Cabanillas:
A man da santiña (1921)
Antón Villar Ponte e R. Cabanillas:
O mariscal (1926)




sábado, 27 de octubre de 2012

A literatura: a tradición escrita e a tradición oral. Introdución á literatura galega


TEMA 4 (1º Bac): A LITERATURA: A LITERATURA CULTA DE TRADICIÓN ESCRITA E A LITERATURA POPULAR DE TRADICIÓN ORAL. CRONOLOXÍA XERAL DA HISTORIA DA LITERATURA GALEGA

4.1. A literatura: as diferentes tradicións literarias
Se buscamos no dicionario o significado da palabra literatura atoparemos definicións semellantes a esta: “1. Arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión. 2. Conxunto de producións literarias dun país, época, autor. 3. Conxunto de obras escritas con finalidade estética por un pobo, durante unha época, nunha lingua. 4. Ciencia que estuda esa arte e as súas producións. 5. Conxunto de obras escritas que tratan sobre unha materia determinada, mesmo con finalidade didáctica e non estética.”

A palabra literatura vén do étimo latino LITTERATURAM que, á súa vez, vén da palabra LITTERA, que significa letra. A literatura era o que se representaba con letras, é dicir, o que se escribía, nun sentido que ía máis alá da mera finalidade estética. Así, para un latino, a exposición escrita dos feitos históricos, o que hoxe para nós é a historia, era literatura. Algo deste uso consérvase na 5ª das acepcións que demos arriba para literatura.

No mundo antigo só se escribía o que se consideraba que pagaba a pena ser conservado para a memoria. Así, escribíronse leis, narracións que recollían as crenzas colectivas (mitos), narracións de feitos importantes (historia), xenealoxías... pero tamén aquilo que emocionaba esteticamente como poesía, textos teatrais...

Non todas as culturas desenvolveron unha maneira de escribir. Porén, as culturas ágrafas tamén tiñan gusto por crear e gozar da literatura. Esta transmitíase oralmente xeración tras xeración e gardábase na memoria. Os individuos con boa memoria capaces de transmitir este legado eran moi aprezados nas culturas tradicionais. Preme aquí e atoparás un bo exemplo.

Tanto nun caso (culturas con tradición escrita) coma noutro (culturas ágrafas) a literatura cumpría unha importante función social axudando a crear vínculos entre o colectivo que compartía un territorio, unha experiencia común de adaptación a ese territorio, unha organización do tempo e un conxunto de crenzas e afinidades estéticas. Todo isto, escribírase ou non, será o material imaxinario que está na base de calquera literatura e que lle dá personalidade con respecto a outras. Por iso, aínda que durante moito tempo só se lle chamou literatura á que acadaba forma escrita, paralelamente sempre existiu unha literatura oral fóra dos libros, dos pazos e mosteiros. En Europa esta rica tradición cultural non escrita empezou a tomarse en serio a finais do século XVIII co Romanticismo.

Dicíavos o outro día na clase que cando a literatura culta de tradición escrita se achegaba á fonte fresca da literatura popular de tradición oral producía obras de arte marabillosas que semellan eternas, pois non deixan de emocionarnos na súa perfecta e simple beleza xeración tras xeración. Un bo exemplo son as cantigas de amigo, que aínda serven de inspiración a artistas como Amancio Prada, que as interpretan cunha sensibilidade contemporánea.


A literatura galega responde perfectamente a isto que acabamos de dicir: desde moi pronto tivo unha literatura culta de carácter escrito, feita de acordo coas modas literarias que rexían naquela época en Europa. Pero esta tradición culta axiña se achegou á fonte da literatura oral autóctona e introduciu no mundo cortesán e nos ambientes cultos as cantigas de amigo, unha particular maneira de facer poesía que lle dá moita personalidade á Escola Trobadoresca Galego-Portuguesa.

A literatura escrita en galego decaeu desde finais do século XV ata o século XIX, pero a literatura popular de carácter oral seguiu viva e vizosa, polo que vai servir de punto de partida para que Rosalía de Castro inicie o Rexurdimento na Idade Contemporánea co seu libro Cantares gallegos. Non hai dúbida, a poesía popular é unha arma poderosa que conmove a propios e estraños. Escoitade, se non, á famosa cantante estadounidense Joan Báez.

A literatura galega actual arrinca do Rexurdimento do s. XIX. Nos primeiros tempos despois do seu renacemento na época contemporánea tivo un importante cultivo na poesía. Os xéneros en prosa (narrativa e ensaio) e mais o xénero dramático tardaron un pouco máis en consolidarse: no 1º terzo do século XX. Hoxe en día escríbese en galego en todos os xéneros e a narrativa está a ter un auxe extraordinario.

O programa deste curso, que abrangue desde a Idade Media ata finais do s. XIX, vainos centrar, sobre todo, na poesía.

4.2. Cronoloxía xeral da Historia da Literatura Galega

  • Idade Media (s. XIII – XV)

  • Séculos Escuros (s. XVI-XVIII)

  • Rexurdimento (mediados XIX)

  • 2º Rexurdimento: 1º Terzo do s. XX (ata 1936)

  • Posguerra
    • Desde 1939 ata finais de 50
    • Décadas de 60 e 70

  • Transición e Autonomía: anos 80 ata a actualidade


A literatura galega, intimamente ligada as vicisitudes do pobo que co seu alento lle deu forma, tivo momentos de esplendor e momentos de escuridade. Quero que vaiades descubrindo todo o que hai arredor de que unha muller ou un home se sente e empece a escribir desde unha tradición, dándolle unha determinada forma literaria ao que ten na cabeza coa esperanza de que alguén o lea. Empezamos o noso percorrido pola literatura galega coa esperanza de chegar a saber máis de nós mesmos, mentres gozamos xuntos das súas belezas.


jueves, 18 de octubre de 2012

Lecturas 2º Bac: Os señores da terra


O vivir de don Xosé María foi o dun señorote vaganceiro e burlista. Erguíase tardeiro e despois de xantar saía de a paseo polos soutos e lameiros cun caxato na man. Tiña un criado vellote, borrachón e nugallán coma as cabras, mais dono dun temperamento sentencioso que facía a ledicia do amo. Chamábanlle o Clemente Zaparín e tiña unha escopeta remendada, regalo do señorito, que atinaba os tiros máis dificultosos. Moitas veces estaba na arada nas herdades das Laxiñas; de súpeto chegaba polos sendeiros a figura xentil de don Xosé María. "Vamos, Zaparín do demo, deixa os regos, vamos un pouco de farra". Deixaba os bois ó rapaz e, na compaña dun can tamén farreante que lle chamaban Napoleón, tomaban o camiño dun lugar. Por moito tempo foi o da Lama de Agrelo, escondido entre petoutos e castiñeiros: alí pasaban moi boas tardes e noitiñas. A viúva do Virulé habitaba unha casiña baixa, terrea, comunicada coa cociña polo curro, onde se inzaba unha figueira. A vella, endexamais cansa de louvar a calidade dos figos do seu curro e de contar rosarios de contos, ben sabía a caste de figos que procuraba o señorote. A filla maior, co seu ar de freira boba, tiña uns ollos meigos, o peíño pequeno e unha gracia modosiña no falar que engaiolaba os corazóns. A penas traballaba as terras, todas suxeitas á renda para a casa da Pedreira. Moitas veces o don Xosé María determinaba levar unha boa merenda. De seguida lle cheiraba a toda a cuchumilla de irmáns e sobriños da vella; a viúva lagarteira puña cátedra de sabencia e deixábase cortexar polo Zaparín entre as disformes risadas da asemblea. Nas festas os primeiros dengues e mantelos eran os da filla do Virulé, e na casa non faltaba chocolate, pantrigo nin augardente. Non era a primeira que se deixaba levar pola verba do fidalgote. O demo do home gustaba de todas. Ata un empardecer correu trala afillada do Rechas das Samas, un maroutallo mal afeixado. Nas festas e feiras non podía faltar aquel señor tan liso, coa bolsa sempre aberta.

Xa o dicía don Xacobe do Castro, o abade: "Temos unha xugada de morgados que gurran ben cada un para o seu lado". Mais o vello Doncos era polo calado, mentres a fachendía do Puga non admitía disimuladelas. Un inverno, xa na guerra civil, fixo unha viaxata longa para mercar uns bois. Foi co Zaparín e mais outro lacazán. Demoráronse no Carballiño polo repentino da noite. Pois en lugar de andar polo feiral, pasou don Xosé María todo o tempo cos señores da Martinga nunha taberna de señorío onde se xuntaba tripulación de toda clase. Había unha muller que lle chamaban a Padronesa por ser de alá; viña vendendo lenzos da súa terra. Gustou dela o fidalgo da Pedreira. Xa se falaran noutras feiras. Agora os compañeiros agardaron por el toda a noite. Amañeceu contento e novo como cando andaba na reconquista de Vigo. Aquela muller traíalle o recender salgado das rías! Don Xosé María ordenou voltar a Trasouto: ata mediado o camiño non falou o Zaparín de cousas serias. Díxolle con moita sornamorna o criado: "Non me diga nada, que xa lle entendo o mundo; vostede non perdeu a viaxe; de fixo encargou dous becerros en troques dos bois". Aquel serán, despois de xantar con moita demora e latricada na rectoral de Listanco, subindo a costa para Trasouto ouviron o batelar doente da igrexa. Morría a muller de don Xosé María ó tempo de dar vida á segunda filla.

A dor do fidalgo foi longa e aceda. Non quería saír do seu cuarto. Nel, cunha xerra de viño, sen lume, sen se deitar, cavilou no seu pasado. Todos os mortos da súa xente lle pasaban pola lembranza esperta, no isolamento. Ós oito días rasurouse e saiu a tomar a raxeira na solaina. A filla mor, a Ramoniña, xa tiña preto dos vinte anos, mais, criada no mimo pola nai, non tiña forzas para guiar a casa. Todo estaba revolto; reinaban na cociña o Zaparín e mais a criada. Ós dez días de viuvez do amo entrou tamén de criada a filla do Virulé, e a nai recibiu en foro un gran anaco de monte e pan, preto da súa casa. "Encétanse as terras dos da Pedreira", ría o abade.

Otero Pedrayo, Ramón, (1992 [1928]). Os señores da terra (primeira das novelas da triloxía Os camiños da vida), Vigo, Ed. Galaxia


As palabras que subliñei no texto remítennos a unha sociedade e un rexime económico que xa desapareceu, pero que perviviu en Galicia ata ben entrado o s. XX. O problema da propiedade da terra, por unha banda, e o liderato da sociedade galega, polo outro, serán temas omnipresentes na literatura galega da época. Para comprendérdelo ben,  recoméndovos que vexades estes videos:

Historias de Galicia-Nobres, fidalgos e caciques 1/3

Historias de Galicia-Nobres, fidalgos e caciques 2/3

Historias de Galicia-Nobres, fidalgos e caciques 3/3






martes, 16 de octubre de 2012

O GALEGO NO 1º TERZO DO S. XX


TEMA 3 (2º BAC): O GALEGO NO 1º TERZO DO S. XX

3. 1. Contexto histórico
A comezos do século XX España estaba sumida nunha profunda depresión política, económica e social cuxa data simbólica é 1898, ano no que perde as derradeiras posesións do seu antigo e inmenso imperio: Cuba.
O período que agora estudamos abarca tres etapas ben diferenciadas:

  • A Restauración borbónica (1874-1931): trátase dun réxime de monarquía parlamentaria no que se van sucedendo no goberno de maneira pactada liberais conservadores e progresistas nun sistema que acusa un importante déficit democrático. A estrutura do estado centralista vese cada vez máis cuestionada desde as zonas periféricas industrializadas e prósperas como Cataluña e o País Vasco, pero tamén Galicia.

  • A II República (1931-1936): Os anos 30 caracterízanse por un clima xeral en toda Europa de gran violencia e malestar social que favorece a extensión e a aparición de movementos políticos totalitarios: comunismo, fascismo, nacismo... A II República española foi unha época de grandes avances democráticos e intentos de reformas sociais profundas que non acabaron de ser asumidas por sectores sociais de moito peso que acabaron apoiando o golpe de estado militar que rematou nunha longa ditadura fascista.

  • A Guerra Civil (1936-1939): Adóitase dicir que a Guerra Civil española foi o ensaio da II Guerra Mundial. Aquí, díxose, librouse a batalla contra o comunismo e outras ideoloxías de extrema esquerda que poñían en perigo os intereses económicos e ideolóxicos da burguesía. Iso, polo menos, foi o que viron as potencias europeas que deixaron que a República española se fundise, sen decatarse da ameaza totalitaria do fascismo e do nacismo que pouco despois provocaría unha guerra de dimensións descoñecidas.

Galicia era unha rexión atrasada con respecto a outras zonas industrializadas de España e cuns medios de comunicación escasos e deficitarios. Porén había algunhas zonas cunha industrialización importante como Vigo, Ferrol ou A Coruña. A maioría da poboación dedicábase á agricultura e á pesca artesanal e grandes masas excedentes destas ocupacións víronse obrigadas a emigrar a América desde mediados do s. XIX. O trauma da emigración será un dos temas constantes da literatura galega  desde o Rexurdimento. A emigración será, tamén, como veremos, un fenómeno moi importante para a institucionalización da lingua e da literatura galega, pois as comunidades de emigrantes darán o impulso necesario para a creación da Real Academia Galega na Habana en 1906 e, máis tarde, serán o soporte da literatura galega no exilio cando, despois da guerra, sexa imposible escribir en galego en Galicia.
Os videos que a continuación enlazo axudarán a comprender o contexto:





3. 2. Situación sociolingüística
A nivel cultural Galicia continúa o camiño emprendido polo Rexurdimento de mediados do século XIX que producira un florecemento literario e cultural, pero que non chegou a callar nun proxecto político importante como aconteceu en Cataluña, por exemplo. Será nas primeiras décadas do s. XX cando aparezan movementos sociais como o agrarismo e asociacións culturais como as Irmandades da Fala que vaian abrindo o camiño para a constitución dun proxecto galeguista, tanto político como cultural, coherente.
O agrarismo nace como un movemento de reivindicación de mellora das condicións de vida dos campesiños. O agrarismo organiza protestas virulentas que serán reprimidas con dureza en 1909 e 1922. O seu principal logro foi a Lei de redención de foros en 1926, que lles permitiu acceder á compra das terras que traballaban.
As Irmandades da Fala son asociacións fundadas en 1916 que teñen como obxectivo principal a recuperación e promoción do idioma galego na sociedade galega. A 1ª Irmandade foi a da Coruña, pero axiña foron fundadas en diversas vilas e cidades de Galicia en pouco tempo grazas ao esforzo divulgador de Antón Villar Ponte. Pódese dicir que son o xermolo do nacionalismo galego actual, pois é a través das súas redes por toda Galicia polas que se organizan xuntanzas e congresos onde acabará tomando forma un proxecto político e cultural que reivindica a Galicia como entidade  nacional diferenciada e con ansias de autogoberno.
A partir de 1922 prodúcese a 1ª división entre os partidarios da acción política e os partidarios da acción cultural. Esta última tendencia, politicamente moi conservadora, artéllase arredor de Vicente Risco e o a revista Nós.
En 1931 fúndase o Partido Galeguista, que terá un importante papel político durante a II República na elaboración e defensa do 1º Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en plebiscito maioritariamente uns días antes do golpe de estado de 1936. Non cabe dúbida de que a idea que temos hoxe de Galicia é herdeira do inmenso traballo multidisciplinar do galeguismo desta época para definila e darlle unha categoría instituciona. Os seguintes videos axudaranvos a comprendelo:





Hai moitos textos da época que nos mostran, desde unha visión crítica, a tremenda situación de desigualdade social e cultural que existía entre as distintas clases sociais galegas: as clases altas e medias urbanas renegaban da cultura tradicional expresada en lingua galega, mentres as clases baixas, a inmensa maioría da poboación, vivía en condicións económicas de precariedade, a penas tiña acceso á educación e expresábase en galego. A lingua era unha marca de clase e expoñente de discriminación social.



Os membros das Irmandades da Fala esforzaranse por rachar cos estereotipos negativos contra o galego, promovendo o seu uso oral e escrito en ámbitos nos que estaba condenada a súa utilización e esixindo a súa presenza na vida pública oficial e no ensino.
A partir das Irmandades da Fala organízanse publicacións periódicas en galego como A Nosa Terra, voceiro da asociación, ou a revista Nós, dirixida en Ourense por Vicente Risco, fúndanse editoriais como Céltiga, Lar e Nós e impúlsase a creación en galego de xéneros literarios como a narrativa e o teatro. A xeración Nós, formada por Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo e Afonso Castelao asumirá en boa medida o proxecto de poñer ao día a literatura e a cultura galegas tanto coas súas obras literarias como cos seus ensaios e artigos xornalísticos. A esta xeración súmaselle outra máis nova, a xeración do 25, que empeza a publicar nos anos 20 e 30.
O Seminario de Estudos Galegos fúndase en 1923 co obxecto de crear grupos de traballo que investiguen e divulguen diferentes aspectos da realidade galega, desde a historia, a xeografía, a arte, a antropoloxía... Aspira a atraer a estudosos do ámbito universitario que sexan capaces de crear dinámicas de traballo científico que teñan como tema central Galicia. O resultado das súas pesquisas foron publicados nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
En definitiva: a cultura galega aséntase, incrementa notablemente a súa produción, modernízase diversifícándose en diferentes xéneros, temas e formas nun intento de chegar á maior parte da sociedade galega. Os galeguistas desta época son conscientes de que é necesario dar o salto da anécdota folclorista a unha presenza social constante e regulada legalmente que faga do galego unha lingua digna de respecto e motivo de orgullo.


3.3. Características lingüísticas fundamentais dos textos da época
O galego escrito desta época presenta unha vontade de diferencialismo con respecto ao castelán que moitas veces o fan difícil para un lector actual. Querer diferenciar o galego do castelán leva aos escritores a preferir termos dialectais de escasa extensión ou mesmo a deformar moitas palabras para darlle unha aparencia “máis galega”. O resultado é a creación de formas que nunca existiron en galego feitas de acordo cunha interpretación moi pouco científica das regras de evolución da lingua. Estas deformacións chámanse hiperenxebrismos (aitual, primaveira, crase por actual, primavera, clase) ou pseudoevolucións (cadeirádego, outamente, mourado por catedrático, altamente, morado) , ás que con frecuencia se engaden arcaísmos (nascer, cibdade, tiduo por nacer, cidade, título) e lusismos (proprio por propio) que desprazan a formas galegas perfectamente tradicionais e en uso.

En xeral, o galego desta época pretende non identificarse con ningnha variedade dialectal concreta, é, polo tanto, supradialectal. Desexa evitar o castelán, aínda que ás veces cometendo o exceso de identificar calquera palabra culta cun castelanismo e deformándoa para darlle unha forma “máis galega” mediante hiperenxebrismos e pseudoevolucións. Volve os ollos ao portugués, lingua irmá, na  que atopa un modelo de lingua culta cunha importante e prestixiosa tradición literaria o que, en ocasións, leva aos escritores a abusar dos lusismos.

A lingua galega na Idade Media


TEMA 3 (1º Bac): A LINGUA GALEGA NA IDADE MEDIA

3.1. Contexto histórico e situación sociolingüística
Como dixemos no tema anterior, a partir da decadencia do Imperio romano e das invansións xermánicas, pérdese a unidade do latín e as diferentes variantes territoriais do latín vulgar evolucionan rapidamente cara ás novas linguas románicas. 

O galego é unha destas novas linguas románicas de uso común entre toda a poboación, sen distinción de clases sociais, dun territorio algo máis extenso cá actual Galicia. É unha lingua oral, pois para os usos escritos aínda se utiliza o latín. Pouco a pouco os textos en latín empezan a incluír as formas romances, ben para facilitar a comprensión ou ben porque o coñecemento do latín entre os escribáns era xa deficitario. Entre finais do s. XII e principios do s. XIII aparecen os primeiros textos escritos en romance galego tanto ao sur coma ao norte do río Miño. Galicia e o novo reino de Portugal comparten a mesma lingua que, nos séculos seguintes e ata o remate da Idade Media, será a lingua lírica por excelencia da Península Ibérica.


Este é un dos primeiros textos que se conservan escritos na nova lingua romance, o galego, ou se preferides o galego-portugués. Trátase dun documento xudicial, unha especie de denuncia contra un delicto. Coñecese como Noticia de torto, pois é así como comeza o texto, e está datado contra 1112. Consérvase no Arquivo da Torre do Tombo de Lisboa.


É importante ter en conta que, tanto politica como culturalmente, Galicia é na baixa Idade Media un territorio moi importante entre os reinos cristiáns: Santiago de Compostela é unha das tres cidades santas da cristiandade e atrae a moitos peregrinos; a sé compostelá será o lugar onde se coroen varios reis de Galicia e León e, aínda que Galicia deixou de ser un reino independente a principios do s. XII, a nobreza galega conserva o seu poder e influencia.

Santiago é tamén un importante núcleo educativo e cultural e a elección do galego como lingua da nova expresión poética cortés (a lírica trobadoresca) importada de Francia ten moito que ver co enorme prestixio cultural que na época tiña Galicia. Temos que pensar, polo tanto, nunha situación ben diferente á actual en que o galego era a lingua de expresión normal para todos os estratos sociais en calquera circunstancia, vehículo de expresión dunha importante tradición literaria que se exporta alén das súas fonteiras lingüísticas e que é capaz de atraer a poetas estranxeiros que se suman a esta corrente.


 Códice rico das Cantigas de Santa María

Durante a Idade Media escribíanse en galego textos de todo tipo, tanto de índole práctica (documentos de compra-venta, doazóns, sentenzas xudiciais, regulamentos gremiais, tratados de veterinaria, textos didácticos, de historia) como de índole literaria (lírica trobadoresca, narrativa).

A finais da Idade Media pouco a pouco foise introducindo o uso do castelán nos documentos escritos, alternando co galego, pero desde mediados do s. XV unha serie de circunstancias políticas acelera a substitución do galego polo castelán como lingua escrita ao tempo que se vai introducindo unha nova clase dirixente vida de fóra que non coñece o galego. É o primeiro paso para o establecemento dunha diglosia social entre galego e castelán. O proceso culmina coa política uniformadora e centralizadora dos Reis Católicos.
Se che interesa esta película podes vela aquí: Lingua do pobo 1, aquí: Lingua do pobo 2 e aquí: Lingua do pobo 3.

3. 2. Características lingüísticas fundamentais
A lingua galega  medieval presenta unhas características que a diferencian bastante da lingua actual. As principais dificultades radican en que o galego medieval tiña algúns fonemas (sibilantes, vogais nasais) que desapareceron no galego moderno, as grafías utilizadas tamén varían, así como a representación dos encontros vocálicos entre dúas palabras. Imos facer un pequeno resume das diferenzas que podemos atopar que nos axude na lectura dos textos medievais.

  • Abundancia de hiatos resultado da desaparición de consoantes intervocálicas latinas: veer, seer, leer. O galego moderno simplificou estes hiatos nunha soa vogal: ver, ser, ler.
  • Un sistema de seis sibilantes: vejo, peixe, vossa, casa, lança, lazerar que no galego moderno quedou reducido a tres: vexo, peixe, vosa, casa, lanza, lacerar.
  • Uso de diferentes grafías para representar o ñ e o ll: nh, lh, ni, li,ny, ly, nn, ll.
  • Vacilación ortográfica entre b/v.
  • O substantivos rematados en –or, -ol, -és e –ante non tiñan unha forma específica para o feminino: a mia senhor, ua pastor.
  • Moitos verbos que hoxe son da 3ª conxugación eran na Idade Media da 2ª conxugación: viver, sofrer.
  • Utilizábanse tempos compostos: avia feito.
  • O verbo haber (aver) tiña tamén o significado de “ter”: “non ey barqueiro nen remador”.
  • Léxico que xa non se usa: vegada (vez), solaz (prazer), garcetas (trenzas), assaz (bastante), guisa (maneira), fossado  (guerra), toller (quitar)...



LECTURAS 1º BAC





Eramos tres no val. O meu pai, Fulxencio Nóvoa e Puga, eu, que vos conto estas cousas, e o meu can. Boh, o can, ser, non era meu. Era do meu pai. E alá ían os dous, des que eu era moi novo, longos días polo val e polos montes dos arredores, á caza das cercetas e das lebres, dos raposos e dos teixugos. Non había día, na temporada pertinente, que non chegasen á nosa mesa coenllos ou becacinas, uns xamóns de porco bravo ou unas perdices en salsa de chocolate ou en escabeche. Non, o can non era meu. Pero coma se o fose. Nada máis deixar o meu pai, xa se achegaba a min, e xa empezaban as brinquetas, as lambeduras, o arrandear do rabo e os rebullóns. Aínda que, se digo a verdade, non era eu tan novo o día que o trouxeron, nun carriño cantareiro, enviado por un compadre do meu pai, aquel cachorro. Debía ter polo menos dez anos. O que pasa é que antes de Bal houbera outro can coma el na casa, outro can da mesma raza e cos mesmos xeitos. Pero Bal era único, para min. Medramos os dous xuntos, saíndo os sábados e os domingos do outono a tripar as follas amarelas, el ventando e osmando e eu sostendo como podía unha carabina de pau que imitaba fielmente a 577 Nitro express paterna, e un fíxose mozo e outro can, e a noite aquela tiñamos sete anos o can e dezasete o mozo.

Bal era un perdigueiro de manta marela, coas patas grandes e nervudas, as orellas caídas, dun vivo verdemar os ollos, a cola longa e sen recortar. Eu, un rapazolo que se semellaba ao pai nos modos, nos ollos azuis e na figura excesivamente fraca. E o meu pai, un cabaleiro de longas pernas e fortes mans, que traballaba pouco e paseaba moito, que malvivía dalgunhas rendas que ía cobrando, do que cazaba, dos produtos dun foro que aínda percibía (malia que fose parcial dos antiforistas e partidario decidido da redención), das poucas terras que nos quedaban e de catro mazairas e algunhas vacas que, achegadas a uns aforros que trouxera do Brasil, nos permitían ir tirando, a base de mendar moito os pantalóns e de gastar pouco os zocos.

Miranda, Xosé, (2002). Pel de lobo, Vigo, Ed. Xerais

domingo, 14 de octubre de 2012

A poesía soa ben

Paseando por internet atópanse moitas cousas interesantes acerca da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa literatura. É reconfortante comprobar que non vivimos no deserto, senón que estamos rodeados de xente que traballa e crea cousas fermosas en galego. Aí vos vai unha suxestión:

http://sondepoetas.blogspot.com.es/

E outra:

http://www.blogoteca.com/asgabarras/index.php?cat=2373

E xa que estamos...

http://www.blogoteca.com/literalingua/index.php?cat=2422
O dito: somos unha pinguiña nun océano.

FONÉTICA E FONOLOXÍA

 
TEMA 2 (2º Bac): FONÉTICA E FONOLOXÍA

1. A fonética e a fonoloxía

 A linguaxe humana é verbal, é dicir, é un sistema de signos dobremente articulado que realizamos coa nosa voz. É dobremente articulado porque as unidades lingüísticas poden descompoñerse en unidades máis pequenas (con significante e significado –1ª articulación– e só con significante –2ª articulación–). De todos os sons que o aparato fonador humano é capaz de producir só uns poucos teñen valor lingüístico: os fonemas. Cada lingua, a partir da combinación duns poucos fonemas (26 no caso do galego), é quen de crear pequenas unidades dotadas de significante e significado chamadas monemas que, á súa vez, combinadas, forman palabras que, pola súa parte, combinadas entre si, fan frases que, combinadas entre si, organízanse en oracións e, finalmente, as oracións en textos. Unha estrutura económica e incriblemente produtiva.
Do estudo do material fónico das linguas ocúpanse dúas disciplinas lingüísticas: a fonética e a fonoloxía.

A fonética: estuda os sons da linguaxe humana e descríbe a súa realización fisiolóxica  e as cualidades físicas que presentan.

A fonoloxía: estuda os sons da linguaxe en canto unidades lingüísticas que son capaces de provocar cambios de significado nas unidades da 1ª articulación mediante a oposición e a combinación destas unidades. Os 26 fonemas que compoñen o sistema fonolóxico do galego sono porque está comprobado que existe polo menos unha parella de palabras que se opoñen polo cambio dun destes fonemas por outro: ex. pato/rato/gato/mato... demóstrannos que existen os fonemas /p/, /r/, /g/ e /m/.
No desenvolvemento deste tema unhas veces estaremos falando desde o punto de vista da fonética, a descrición do proceso de fonación e a caracterización dos sons producidos, e outras desde o punto de vista da fonoloxía, a interpretación deses sons desde o punto de vista do seu rendemento dentro do sistema lingüístico.

2. Descrición do sistema fonolóxico galego
Describimos os fonemas do sistema fonolóxico atendendo a tres criterios:
  • O modo de articulación: refírese á maneira en que se modula o son opoñendo (ou non) unha serie de obstáculos por parte dos órganos articulatorios á saída do aire. No caso das vogais o modo de articulación ten que ver co grao de apertura (aberta, medio aberta, medio pechada e pechada). No caso das consoantes ten que ver co obstáculo que regula a saída do aire (oclusiva, fricativa, africada, líquida lateral, líquida vibrante simple, líquida vibrante múltiple).
  • O punto de articulación: refírese ao lugar onde se produce o son. No caso das vogais temos tres posibilidades: central, palatal e velar; no caso das consoantes: bilabial, labiodental, (linguo)dental, (linguo)interdental, (linguo)alveolar, palatal, velar.
  • Sonoridade: refírese a se se fai vibrar ou non as cordas vocálicas na emisión do fonema e distingue fonemas xordos de sonoros. É facilmente comprobable apoiando as xemas dos dedos no lugar onde temos as cordas vocais.



As vogais diferéncianse das consoantes en que:
  • poden ser núcleo silábico e, polo tanto, formar por si soas unha sílaba, mentres que as consoantes sempre funcionan como marxe silábica: ex.: a-mor.
  • na súa articulación non atopan obstáculos á saída do aire, simplemente unha lixeira modulación na abertura da boca e a posición da lingua respecto ao padal.
  • son sonoras, pois na súa articulación producese a máxima vibración das cordas vocálicas.
O sitema vocálico galego é triangular: un fonema de máxima abertura /a/ e dous fonemas de mínima abertura, un da serie palatal, /i/, e outro da serie velar /u/, e catro de grao medio: /e/, / e/, /o/ e /ɔ/.





Cómpre ter en conta que os sete fonemas vocálicos son perfectamente nítidos en posición tónica e a súa oposición é moi produtiva, é dicir, hai moitas parellas de palabras que se diferencian por pronunciarse con un ou outro destes fonemas (incluídos /e/, / e/, /o/ e /ɔ/): /´pelo/-/´pelo/; /´presa/-´presa/; /´bela/-/´bela/; /´bola/-/´bɔla/; /´oso/-/´ɔso/; /´molo/-/´mɔlo/, etc. En posición átona pretónica tamén é posible distinguir sete fonemas vocálicos diferenciados, pero só nunhas poucas parellas de palabras esta oposición pode provocar un cambio de significado: ex. /pegada/- /pegada/. En posición postónica non final só se distinguen cinco fonemas vocálicos e en posición postónica final tres nas palabras patrimoniais. 

2.1.1.     Alteracións do vocalismo tónico
O sistema vocálico de sete fonemas herdado do latín vulgar viuse alterado en parte das falas do galego actual por dous fenómenos de distribución irregular: a metafonía e a influencia de -n trabando unha sílaba tónica.
·      A metafonía: é a influencia dun –o final sobre / e/ e /ɔ/ tónicos da mesma palabra fechándoos un grao: deste xeito medo, que etimolóxicamente debería presentar un /e/ (/´medo/) pasa a /e/ (/´medo/). Tamén se considera metafonía a influencia dun –a final sobre /e/ e /o/ tónicos da mesma palabra abríndoos un grao: ela, que segundo a evolución normal debería ser /´ela/, nas falas afectadas por metafonía pasa a ser /´ela/.
·      Unha consoante nasal trabando unha sílaba tónica pode alterar o timbre de /e/ e /ɔ/ tónicos pechándoos un grao, de xeito que dente (etimolóxicamente /´dente/) pase a ser /´dente/.

2.1.2.     Encontros vocálicos
Cando falamos facémolo sen facer pausas cando remata unha palabra e comeza outra, dunha maneira fluída na que entran en contacto vocais que pertencen a palabras diferentes. Estes encontros vocálicos resólvense de diferentes maneiras dependendo das vocais e do contexto prosódico, como veremos a continuación:
  • Elisión: este idioma  /esti´dioma/
  • Alongamento: boto o día  /boto:´dia/
  • Contracción: Ela mesmo o di  /ela mesmɔ´di/

Algúns destes encontros vocálicos represéntanse na escrita: do, deste, ó ou ao, á, destoutro, cá, có ...

2. 2. O sistema consonántico
  • As consoantes, ao contrario cás vogais, non poden ser núcleo silábico, sempre van antes (posición prenuclear) ou despois (posición posnuclear) dunha vogal para formar unha sílaba.
  • Para a súa articulación prodúcese algún tipo de obstrución á saída do aire pola boca. Así falamos de “modo de articulación” oclusivo, fricativo, africado, nasal, liquido lateral, líquido vibrante simple e líquido vibrante múltiple. Cómpre ter en conta, tamén, o lugar onde se produce o fonema (punto de articulación): bilabial, labiodental, linguodental, interdental, alveolar, palatal, velar.
  • Non todas as consoantes fan vibrar na súa articulación as cordas vocálicas e iso diferencia consoantes sonoras e xordas.



2. 2. 1. Alteracións do sistema consonántico
O sistema consonántico descrito anteriormente é o do galego estándar, pero en moitas falas do galego común vese alterado polos seguintes fenómenos:
  • Gheada: consiste na realización dun fonema aspirado, faríxeo (ou larínxeo) xordo /h/ no canto do fonema oclusivo, velar sonoro /g/:  o gato /o´hato/ por /o´gato/
  • Seseo: o sistema estándar opón o fonema fricativo, interdental, xordo /q/ ao fonema fricativo, alveolar, xordo /s/ e ao fonema fricativo, palatal, xordo /V/: zoar – soar: /qo´ar/- /so´ar/; raza – rasa – raxa: /´raqa/ -/´rasa/ - /´raVa/, pero nas zonas de seseo non existe un fonema /q/, polo que a oposición de moitas parellas de palabras queda en suspenso. Cómpre aclarar que hai un seseo parcial que afecta só á posición implosiva (lus  en vez de luz)  e un seseo total, que afecta á posición explosiva e á implosiva (lus en vez de luz e tamén sapato no canto de zapato).
  • Yeísmo: O fonema líquido, palatal, sonoro /l/ foi substituído na maior parte dos falantes do galego por un fonema fricativo, mediopalatal, sonoro /j/. Hoxe a pronuncia como /l/ é minoritaria, aínda que recomendable.

2. 3. A sílaba
A sílaba é a unidade fónica na que se agrupan os sons que pronunciamos nun só golpe de voz. Unha sílaba consta necesariamente dun núcleo constituído sempre por unha vogal e pode ter (ou non) marxes –marxe prenuclear ou explosiva (antes do núcleo) e marxe posnuclear ou implosiva (despois do núcleo)– que poden estar constituídas por consoantes ou por vogais.

            MARXE PRENUCLEAR               NÚCLEO              MARXE POSNUCLEAR

                       c                                                a                                         n

                                                                         a                                         r
                      
                       t                                                 e

                                                                         e                                         u

As sílabas con marxe posnuclear denomínanse pechadas ou trabadas e as sílabas sen marxe posnuclear denomínanse abertas ou libres.

2. 3. 1. Ditongos, tritongos e hiatos
Cando unha vogal (sempre unha vogal de abertura mínima: /i/ /u/) funciona como marxe silábica falamos de ditongo (dúas vogais formando a mesma sílaba). Os ditongos poden ser crecentes (1º a vogal pechada e logo a vogal aberta funcionando como núcleo): ambiente, cuantificar; poden ser decrecentes (1º a vogal aberta funcionando como núcleo e logo a vogal pechada en posición posnuclear): leiteira, outeiro, ou homoxéneos (formados por dúas vogais pechadas): abriu, puidese.
O tritongo é o encontro de tres vogais formando unha soa sílaba: minguou, adecuei.
O hiato é o encontro de dúas vogais na mesma palabra pero formando parte de sílabas diferentes: muíño, area, moa.

2. 3. 2. O acento, o grupo fónico e a entoación
Ás unidades fónicas da lingua superpóñense outros elementos fónicos como o acento de intensidade e a entoación.
A entoación é a variación de ton (altura) con que se producen os diferentes sons dunha secuencia, á entoación engádeselle tamén a variación da intensidade e da duración entre uns sons e outros, é dicir, o acento. O grupo fónico é unha unidade melódica formada por unha serie de palabras delimitada por pausas e articuladas cunha certa entoación que pode englobar diferentes grupos de intensidade.

A fonética galega caracterízase entre unha marcada diferenza entre as sílabas tónicas e as sílabas átonas postónicas en canto a duración e intensidade. A entoación serve para marcar o límite entre os enunciados: a caída final da entoación indica que o enunciado remata, se queda en suspenso  indica que o enunciado queda inconcluso. Comparar:

Tiven que ir rapidamente.
Tiven que ir rapidamente...
Tiven que ir rapidamente para solucionar o problema.

A entoación etá intimamente ligada á modalidade do enunciado:
  • modalidade aseverativa: Xa acabaron de ler o libro
  • interrogativa: Xa acabaron de ler o libro?
  • exclamativa: Xa acabaron de ler o libro!
  • imperativa: Acabade de ler o libro.

2. 4. Fonemas, sons e letras
Por último, reflexionade sobre o feito de que un fonema é unha unidade lingüística, unha abstracción ideal de distintos sons: non pronunciamos o mesmo son en abano ca en ámbar, porén son consideradas distintas realizacións do mesmo fonema.
Non hai tampouco unha correspondencia exacta letra/fonema: Hai letras que serven para representar fonemas diferentes: cereixa, pero casa; hai fonemas que poden ser representados por letras diferentes, segundo as convencións ortográficas: ra, pero carro, cousa, pero queixo, vaso, pero barco; ás veces son combinacións de dúas letras (dígrafos: nh, ll, rr, gu, qu, ch) para representar un só fonema e, mesmo, hai unha letra que non representa fonema ningún: o h.

martes, 9 de octubre de 2012

LECTURAS 2º BAC (I)

Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas



1ª saga: O mago Merlín chega coa espada Escalibur desde a illa de Sálvora, na ría de Arousa, para proceder ao rito de elección dun novo rei para os celtas: aquel que sexa capaz de sacala da peneda na que o mago a espetou será recoñecido como rei..

Nun nimbo luminoso xorde o bardo adiviño
envolveito en brancuras recendentes de liño,
ollos gazos, profundos, longa barba florida,
cingue a fronte coas hedras da coroa druída
e na man, que reloce como un lirio bendito,
ten a fouce de ouro do litúrxico rito;
a fouce segadora da mandrágora, ao raio
de feitizo e de agoiro dos luares de maio.

É Merlín o profeta, o celta armoricán,
dos silfos e das umias ollado por irmán,
sabedor dos encantos e dos máxicos conxuros,
das virtudes das herbas e dos fados escuros,
que nos claros dos bosques e os baixíos costeiros
aprendeu a divina linguaxe dos luceiros;
o bardo das idades, o da segreda ciencia
que a terra fixo súa impóndolle obediencia
ás augas das riada, aos rochedos do cume,
ás nubes da tormenta, á ardentía do lume.

Imponente, mostrando nativa maxestade,
na mirada un sereo claror de eternidade,
ten aos pés -cruz de ouro, folla núa afiada-
sobre o manto da neve unha fúlxida espada.
Aceiro puro e virxe das entrañas da terra,
cos lumes siderais das estrelas en guerra
nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,
que no dolmen batido e no Xordán templado,
foille dado a unha raza de homes sans e valentes,
cabeceira de pobos, guiadora de xentes,
para impor unha ciencia sinalando un camiño
que por riba dos tempos leva ao triunfo diviño.

Ergueito coma un pino que as altas nubes fende,
os brazos sarmentosos o bardo aos ceos tende,
e escóitase na noite solemne resoar
a súa luz bruante sonora coma o mar:

Baixo a dozura do ceo
da nobre Galicia irmá,
onde pola nosa gloria
inda dourando o fogar
vive aceso o lume sagro
dos claros días do clan,
hai unha illa encantada
de rochedos de coral,
esmeralda verdegaia
ao resplandor do luar,
bicada de manseliñas
augas de limpo cristal
nas que as sereas ensaian
seu namorante cantar
mentres os pinos lanzais
escoitan voces leviás
que chegan esmorecidas
do misterio de alén-mar.

Nunha furna que galgantes
cerran as ondas do mar,
apreixada nas ferintes
poutas dunha aguia real,
gardada por un dragón
de alento que é solimán,
brillaba a fúlxida espada
Escalibur, o triunfal
aceiro da heroica idade
cantada por Osián,
que ten de ser sobre a Terra
ergueita en céltigas mans,
símbolo, florón e escudo
da Cruz, do Amor e da Paz.