sábado, 29 de septiembre de 2012

TEMA 1 (1º Bac.): A COMUNICACIÓN E A LINGUAXE


TEMA 1 (1º Bac.): A COMUNICACIÓN E A LINGUAXE


A comunicación é a transmisión intencional de información mediante un sistema de signos (código) coñecido tanto por quen emite a información (emisor) como por que a recibe (receptor). O coñecemento do código pode ser de carácter innato, como sucede no caso da comunicación animal, ou aprendido, como sucede no caso da comunicación humana. A comunicación pode ir desde a simple emisión dun estímulo que espera unha resposta por parte do receptor (comunicación animal) a mensaxes de gran complexidade e abstracción, que é o que permite facer a comunicación verbal, exclusiva dos seres humanos.

Elementos da comunicación: O lingüista ruso Roman Jakobson estableceu en 1948 os factores ou elementos da comunicación e relacionounos coas funcións da linguaxe como se pode ver no seguinte esquema:


                                                            CONTEXTO
                                                      Función referencial


            EMISOR                                  MENSAXE                       RECEPTOR
     Función expresiva                       Función poética                Función conativa


                                                                CANLE
                                                          Función fática


                                                                CÓDIGO
                                                    Función metalingüística


O emisor é quen inicia o acto de comunicación mediante a transmisión dunha mensaxe dirixida a un receptor utilizando un código común a ambos os dous. O medio polo que se transmite esta mensaxe é a canle e todas as circunstancias exteriores que rodean o acto comunicativo é o contexto.
As funcións da linguaxe teñen moito que ver con onde o emisor decide poñer o interese fundamental da súa comunicación, é dicir, cal destes factores comunicativos cobra maior relevancia no acto de comunicación. Así, se o foco de atención está nos sentimentos do emisor, falamos de que predomina a función expresiva; se o que se pretende é lograr unha reacción do receptor, falamos de función conativa; se o centro da comunicación é o contexto estamos diante da función referencial; se a intención é comprobar que a canle pola que circula a mensaxe funciona ben, estamos usando a función fática; cando a forma da mensaxe é o principal o que predomina é a función poética e, finalmente, cando nos centramos no propio código, función metalingüística.

Empezamos falando da comunicación en xeral e acabamos falando da comunicación específicamente humana, a comunicación verbal.
Os animais comunícanse entre si dunha maneira innata, é dicir, nacen aprendidos, e os seres humanos, que despois de todo somos tamén animais, sabemos comunicarnos tamén deste xeito, sen palabras, mediante signos olfactivos, acústicos, táctiles e visuais. Pero a comunicación verbal permítenos máis posibles mensaxes e máis complexos. Onde reside a diferenza? Na natureza do signo lingüístico.

O signo lingüístico foi descrito polo lingüista suízo Ferdinand de Saussure coas seguintes características:
–É biplano: consta de dúas caras estreitamente relacionadas: o significante e o significado. O significante é a parte material do signo, a sucesión de sons que percibimos formando unha “imaxe acústica”. O significado é o concepto ao cal asociamos esa secuencia sonora, é dicir, a “imaxe mental” que creamos ao escoitar, por exemplo, unha palabra.
–É lineal: Os sons que compoñen o significante desenvólvense linealmente e os signos vanse encadeando, tamén linealmente, na cadea falada.
–É arbitrario e inmotivado. A relación entre significado e significante non responde a unha regra lóxica, é unha relación inmotivada, froito dun acordo entre unha comunidade de falantes que o acepta de maneira arbitraria. A dimensión social da linguaxe humana cobra aquí relevancia.
–É articulado: As unidades lingüísticas son susceptibles de dividirse en unidades máis pequenas que poden á súa vez ser reutilizadas na construción de novas mensaxes. Así segmentando por medio dos procedementos de oposición e combinación podemos falar de dobre articulación da linguaxe:

·      A 1º articulación está formada por unidades que teñen significante e significado.
·      A 2ª articulación está formada polas unidades máis pequenas que teñen significante pero non significado.

Dentro da 1ª articulación da linguaxe, polo tanto, estarían unidades lingüísticas con significante e significado, de maior a menor: texto, oración, frase, palabra, monema.
Dentro da 2ª articulación estaría a unidade máis pequena, con significante pero sen significado: fonema.

Deste xeito, a partir de 26 fonemas, combinados entre si, podemos construír innumerables signos lingüísticos que, á súa vez, combinados entre si, son capaces de crear infinitas mensaxes.

Os estudos lingüísticos especilizáronse no estudo do funcionamento destas unidades lingüística que acabamos de distinguir, desde a gramática do texto (textos), a sintaxe (oracións e frases), a morfoloxía (palabras e monemas) ata a fonoloxía (fonemas).

Para rematar co tema, imos definir tres conceptos básicos que utilizaremos máis dunha vez ao longo do curso:
Linguaxe: é a capacidade humana de comunicarse mediante signos lingüísticos.
Lingua ou idioma: cada unha das manifestación sociais concretas da linguaxe. Cada lingua é un sistema de signos (un código) e as regras que permiten combinalos.
Fala: é a utilización que cada individuo pertencente a unha comunidade lingüística fai da súa lingua.

3 comentarios:

  1. Grazas por estos apuntes profesora.

    ResponderEliminar
  2. Serviume de moito, grazas, agora e mais facil estudar.

    ResponderEliminar
  3. grazas por isto, porque pareceume que o entendera a primeira, pero agora si que o entendo ben. son uns apuntes fantasticos

    ResponderEliminar

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.